Escoitar

A concesión da medalla da cidade á Armada enmárcase nos actos do tricentenario da Batalla de Rande

mércores, 27 nov 2002
imx2047.jpg
Castrillo, Príncipe e Rapallo
O alcalde, Lois Castrillo, entregoulle a medalla da cidade ao almirante xefe da Zona Marítima do Cantábrico, Francisco Rapallo Comendador, en representación da Armada, tralo depósito dunha coroa de loureiro en homenaxe aos caídos na Batalla de Rande.



Discurso do alcalde


Hai trescentos anos a ría de Vigo viviu un acontecemento extraordinario que quedaría reflectido nas páxinas dos manuais da historia. Foi unha batalla naval que enfrontou as que daquela eran as flotas máis importantes do mundo, as de Holanda, Gran Bretaña, Francia e España. O eco daquel enfrontamento espallouse por toda Europa e alimentou dutante os séculos posteriores a lenda do Tesouro Perdido de Rande.

A ría de Vigo coñeceu a raíz deste suceso unha enorme popularidade en todo o mundo. Só en tempos recentes o nome de Vigo deixou de asociarse a aquel episodio para relacionarse agora con outros aspectos máis cercanos a súa industria e a súa actividade comercial, turística e mesmo cultural e deportiva.

Durante todo este ano, o Concello de Vigo conmemorou con actos diversos o tricentenario da Batalla de Rande. Non se trataba de lembrar un feito bélico senón de rememorar a historia e revisar con rigor, e desde un punto de vista lúdico e educativo, uns acontecementos que constituíron un fito no devir na nosa cidade. O colofón de todos estes actos conmemorativos debía contar, a xuízo da corporación municipal, coa participación dun dos protagonistas da Batalla de Rande, a Armada Española.

Estamos a falar dunha institución que de sempre mantén unha estreita relación con Vigo e que sempre conta entre os seus integrantes con fillos desta cidade. Moitos mariñeiros vigueses teñen unha débeda cos profesionais da Armada que os asistiron en situacións difíciles facendo patente a súa vocación de servicio á comunidade.


Vigo é unha cidade botada ao mar pola súa xeografía. Polo mar chegaron as noticias do descobrimento de América. Polo mar chegou o progreso e a riqueza e polo mar marcharon as esperanzas que levaban os emigrantes a América.

Como todo enclave privilexiado contou dende o século XII con sistemas de defensa que defendían a cidade do que podía vir polo mar. Por isto é longa a relación da cidade coa Armada Española. Refuxio de galeóns perdidos e porto de acollida de todas as novas ultramarinas.

Nesta cidade naceu e viviu D. Casto Méndez Núñez, o heroe do Callao, que segue a ser a personaxe que parece sinalar o destino a seguir desde a praza de Compostela da nosa cidade.

Nos tempos actuais a cercana Escola Naval de Marín, e máis próximo a nós, a Escola de Transmisión da Armada (ETEA) dan fe desta longa relación coa Marina Española como centros de formación de moitos dos nosos xoves a que debemos o seu constante apoio e axuda nos problemas da pesca, base fundamental da nosa economía.

Por esta longa relación da cidade co mar e por tanto coa Armada Española queremos amosar o noso afecto, e a nosa continua lembranza a esta institución que é expresión das mellores cualidades do noso pobo.

A cidade de Vigo quere outorgar o recoñecemento merecido de tan longa e estreita relación á Armada Española ao mesmo tempo que desexamos e auguramos que esa relación durará tanto como a mesma intimidade do mar que nos acolle. En nome da cidade de Vigo moitas gracias homes e mulleres da Armada vede en Vigo no só un porto de recollida senón a vosa casa.
Descargar todas as imaxes