Escoitar

O alcalde reclámalle ao Goberno un plan para extraer fuel do Prestige

martes, 26 nov 2002
imx2039.jpg
Voluntarios
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, esixiulle ao Goberno central que poña en marcha un plan para extraer o fuel que permanece nos tanques do Prestige, afundido a máis de tres mil metros de profundidade fronte ás costas galegas. Castrillo considera que non se pode condenar a Galicia a continuar recibindo durante meses mareas negras procedentes do barco.

Cando se cumpre un mes do accidente do petroleiro, o alcalde de Vigo, manifesta que a poboación mariñeira de Galicia está en permanente tensión agardando que novas manchas de fuel poidan chegar ás rías. Castrillo cre que o Goberno non pode seguir permanecendo impasible ante esta situación e reclámalle que adopte medidas para que o Prestige non continúe sendo un surtidor de fuel durante meses. “Cómpre que se habiliten medios para frear a contaminación: non poden ser os mariñeiros os que asuman esa tarefa en solitario coa única colaboración dos concellos”, dixo o alcalde.

A xornada de hoxe foi tranquila na ría de Vigo, onde non se observou a entrada de novas manchas de chapapote. O traballo centrouse nas illas Cíes e nos areais de Barra, onde os voluntarios seguen limpando os restos de hidrocarburo que arrastrou a marea. A masa de fuel que ameaza agora as rías encóntrase a unhas 38 millas de cabo Silleiro.
Descargar todas as imaxes