Escoitar

Adecuación da avenida de Castelao

martes, 26 nov 2002
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns está realizando a adecuación da mediana na avenida de Castelao, no tramo entre a praza de América e a rotonda da rúa O Grove. Trátase dunha avenida de características excepcionais na cidade dado o seu emprazamento como acceso ás zonas de praias, polo que resulta moi transitada e faise necesaria unha actuación en proporción á relevancia que ten esta zona.

A mediana que separa os dous sentidos de circulación da avenida atópase sementada de céspede e cunha plantación anárquica de coníferas, cannas e azaleas formando pequenos grupos. O solo está apelmazado e desestructurado e carece de sistema de rega que se substitúe polo rego con camión cisterna causando problemas na circulación ademais dun custo de man de obra e gasto excesivo de auga.

O axardinamento proxectado para o tramo entre a praza de América e a rotonda da rúa O Grove consistirá na substitución do céspede existente por unha plantación central de 1,8 m de anchura de plantas vivaces e arbustivas e dúas franxas, a ámbolos dous lados, de tepe de céspede dunha anchura de 50 cm.

A plantación central conformarase como unha franxa continua de plantas de especies e variedades distintas (berberis, hebes, azaleas, rododendros, abelias, etc) que se complementará coa plantación de carpes distribuídos entre as farolas.

A distribución das especies farase atendendo as características (formas, tamaños, cor e texturas) e desenvolvemento das plantas para conseguir efectos de cores e volumes harmoniosos.

Así mesmo, para evitar os inconvenientes que causa a execución do traballo de rego desta mediana e optimizar ao máximo os recursos dispoñibles, instalarase un sistema de rega automatizado. Distribuiranse difusores cun alcance máximo de 2,5 m. o longo da mediana de xeito que a cobertura dos emisores de rega alcance toda a superficie axardinada sen verter auga á calzada.

A automatización do sistema de rega realizarase mediante a instalación de programadores de batería dada a dificultade de conseguir abastecemento eléctrico continuo na mediana.

Estes programadores irán instalados en arquetas especiais dentro do axardinamento. Para todo isto faise necesario o tendido dunha rede de entubados de distintos diámetros e por tanto a apertura de gabias o longo de toda a mediana e o seu posterior acondicionamento.

Nestes intres os operarios de Montes, Parques e Xardíns están a traballar no tramo entre a praza de América e a rúa Estrada, onde empezaron hai dúas semanas.