Escoitar

Leri recibirá a medalla da cidade

luns, 25 nov 2002
O Concello acordou hoxe, en sesión plenaria, concedérlle-la medalla da cidade a Antonio Nieto Figueroa ”Leri” como público recoñecemento a toda unha vida adicada ós intereses da cidade de Vigo.

A Corporación toma o seguinte acordo: ”Antonio Nieto Figueroa, nado no agarimoso casco vello da cidade de Vigo foi sempre persoa adicada por enteiro á cidade.

Concelleiro deste Excmo. Concello durante 29 anos, dende os tempos anteriores á transición ata datas relativamente recentes, distinguíuse por defende-los intereses da cidade en tódolos eidos, participando en todas aquelas accións tendentes a mellorar non só o ”habitat” urbán, senon a consideración que fóra dos límites da cidade poidera ofrecerse.

Concelleiro delegado de Deportes en momentos tan importantes coma o mundial de fútbol de 1982, contribuíu de xeito persoal á reforma do estadio de Balaídos e ó éxito da celebración dese evento deportivo en Vigo.

A súa afición pola propagación do deporte, quedou sempre de manifesto pola organización e continuidade que deu ó fútbol de praias, chegando a organizar campionatos con máis de 80 equipos, acadando unha extraordinaria popularidade para a práctica deste deporte.

É difícil reducir ós escuetos parágrafos deste informe todo o que Antonio Nieto Figueroa ”Leri”, como adoita chamarse, fixo por esta cidade, chegando a identificarse con ela, coa súa bandeira e co seu xeito de ser.

Cabe por último destacar a súa honestidade persoal, o seu bo que-facer e o seu talante amistoso para todo e para todos”.