Escoitar

Os presupostos de 2003 superan o primeiro trámite para a súa aprobación

luns, 25 nov 2002
imx2033.jpg
Sesión plenaria
O Pleno da Corporación municipal aprobou inicialmente, cos votos a prol de BNG e PSOE e en contra de PP e PROVI, o proxecto de presupostos do Concello de Vigo para 2003. Os orzamentos acadan a cifra de 170.157.443 euros, un novo récord na historia da cidade.

O concelleiro de Facenda, Xavier Toba, explicou que os presupostos do vindeiro ano están orientados a rematar os programas de actuación desenvolvidos polo Goberno municipal durante os últimos anos. Neste sentido, os investimentos céntranse en completar a rede de saneamento do rural, en continuar cos proxectos de rexeneración do litoral, en rematar a construcción das grandes dotacións culturais e en avanzar no proceso de humanización das rúas da cidade.

O capítulo de investimentos, 18.965.186 euros, representa o 11% do presuposto e financiase con fondos xestionados polo Concello ante a Unión Europea e co recurso á débeda. Toba salientou que só se vai subscribir débeda pola cantidade que se vaia amortizando, tal e como se fixo nos exercicios anteriores. Sobre este punto subliñou que a débeda do Concello de Vigo está nestes momentos nunha porcentaxe do 88,80% do total do presuposto cando hai catro anos chegaba ao 109%.

O concelleiro de Facenda fixo especial fincapé na orientación social dos orzamentos e puxo como exemplo o volume de diñeiro que se dedica aos Plans de Emprego municipais, os máis ambiciosos de Galicia, ás subvencións do transporte público ou á mellora do equipamento dos centros de ensino públicos.

Os presupostos do Concello de Vigo para o vindeiro ano serán sometidos agora ao proceso de exposición pública e presentación de alegacións antes da súa aprobación definitiva.
Descargar todas as imaxes