Escoitar

Caballero felicitou a cinco deportistas de Vigo polo seu magnífico papel nos Campionatos de España de judo e taekwondo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes da cidade, Manel Fernández, felicitaron hoxe no Concello aos medallistas vigueses dos Campionatos de España absolutos de judo (Pamplona) e taekwondo (Alacante), celebrados recentemente.

xoves, 15 mar 2012
1331834897judo.JPG
En dúas modalidades deportivas olímpicas, Vigo é potencia grazas ao judoka Miguel Romero (A.D. Famu), que sumou o seu segundo título nacional de -73 quilos en tres anos, e aos taekwondistas Darío González (As Sport), prata en -58 quilos, Miriam Docampo (As Sport), prata en -53 quilos, Laura Lorenzo (Tao), prata en -49 quilos, e Sara Baños (As Sport), bronce en -73 quilos.

Nun encontro ao que acudiron os preparadores dos deportistas vigueses así como a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Mercé Barrientos, e o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, o rexedor municipal animou aos cinco medallistas a "seguir levando o nome de Vigo a tan alto nivel" e felicitounos polos éxitos froito do duro traballo.

Durante un cuarto de hora, os representantes das súas respectivas disciplinas comentaron os seus logros e explicaron a alcalde e concelleiro que xa mesmo teñen novos retos. Romero íase directamente do despacho do alcalde ao aeroporto de Peinador para voar a Madrid, onde estará dende mañá en durante toda a fin de semana concentrado. O soño olímpico segue existindo.

Mentres, mañá viaxarán ao Open de Holanda de taekwondo Laura Lorenzo e Darío González. As competicións non paran e Vigo ten presenza e obxectivos.
Descargar todas as imaxes