Escoitar

O alcalde anuncia un Plan de choque para reparar os danos causados polo mal tempo nas rúas e parques de Vigo

venres, 20 abr 2001
imx134.jpg
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, anunciou a posta en marcha dun Plan de choque para realizar o arranxo dos desperfectos causados polos temporais deste inverno nos espacios públicos de Vigo. Castrillo explicou que a intensa chuvia dos últimos meses e os temporais de vento causaron danos na cidade por valor de 450 millóns de pesetas. A chegada do bo tempo permite acometer un Plan de reparación que se centrará nas rúas, nas praias e nos parques e xardíns.

Unha das primeiras accións incluídas no Plan é un programa de bacheo e reparación de rúas que se executará nos próximos meses e no que se investirán case 100 millóns de pesetas. Ademais, xa están contratadas as obras de pavimentación completa de rúas como Gregorio Espino, Julián Estévez, Avda. de Fragoso, Avda. da Florida ou a Avda. de Samil. Tamén se adxudicaron obras de asfaltado dunha ducia de estradas das parroquias de Cabral, Valadares, Beade, Bembrive, Navia e Sárdoma. Asemade, o Goberno municipal tomou a decisión de axilizar os expedientes dos proxectos de pavimentación de rúas previstos para este ano. A cantidade que se prevé investir é de 200 millóns de pesetas.

Outra das accións recollidas no Plan é a de reposición da sinalización de rúas, tarefa á que se destinarán máis de 30 millóns de pesetas. Estes traballos de pintado comezaron xa en Coia e nalgúns puntos do Calvario e nos próximos días estenderanse ao centro da cidade.

O alcalde sinalou que dende hai algúns días se están realizando os labores de recuperación de Samil. Estase a utilizar maquinaria municipal para trasladar as toneladas de area que o mar guindou este inverno contra o muro do paseo. Ademais estanse arranxando as piscinas, moi deterioradas por mor dos temporais e dalgúns actos vandálicos. Posteriormente se acometerá a reparación do mobiliario urbano.

Os operarios de parques e xardíns poden volver traballar con normalidade unha vez rematadas as chuvias. O alcalde anunciou que entre as tarefas máis urxentes que se lles encargou está o acondicionamento do bulevar da Gran Vía e o axardinamento da praza da estación de ferrocarril.

Lois Castrillo subliñou que o Concello ten que afrontar todas as reparacións dos danos do temporal con fondos municipais, xa que aínda non se recibiu ningunhas das axudas solicitadas ao Goberno Central.
Descargar todas as imaxes