Escoitar

Abel Caballero, representante das cidades españolas no Consello de Municipios e Rexións de Europa

O alcalde de Vigo e vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) foi designado este martes representante das cidades españolas no Consello de Municipios e Rexións de Europa, no que participan as 17 comunidades autónomas e os dirixentes locais de Vigo e Sevilla. A Xunta de Goberno da FEMP, a Sección Española desta entidade europea, aprobou o nomeamento dos seus principais órganos reitores e institucionais.

martes, 29 nov 2011
1322584476xgfemp.jpg
O Consello de Municipios e Rexións de Europa (CMRE) é unha organización creada en 1951 por alcaldes europeos que veu traballando en favor da democracia local e a contribución desta na construción europea.

A FEMP é, como enuncia o artigo segundo dos seus Estatutos, a Sección Española do Consello de Municipios e Rexións de Europa, e esta mañá designou aos seus representantes na entidade, nos que figura o alcalde vigués, Abel Caballero.

Entre os seus obxectivos atópanse o desenvolvemento do espírito europeo baseado na autonomía local, a participación dos gobernos locais nas políticas da Unión Europea, o diálogo interinstitucional, o intercambio de experiencias e a representación dos entes locais ante as institucións europeas.

O CMRE o conforman as maiores asociacións de municipios europeas, pertencentes a 36 países e representando a máis de 100.000 entes locais e rexionais. Ademais é a Sección Europea da organización mundial Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU).

Xunta de Goberno
Abel Caballero asistiu á primeira reunión ordinaria da Xunta de Goberno da FEMP tras a X Asemblea da Federación do pasado mes de setembro, na que se aprobaron por unanimidade os nomeamentos dos distintos órganos reitores e institucionais, entre eles os presidentes e vicepresidentes das Comisións de Traballo e os representantes da FEMP na Comisión Nacional de Administración Local.
Descargar todas as imaxes