Escoitar

Abel Caballero afirma na presentación da Vigo Cup que o seu goberno ten "paixón polo deporte"

A Vigo Cup 2011, o torneo de fútbol base internacional presentado hoxe na Fundación VIDE polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, contará con marca histórica de equipos inscritos (218) e de participantes (3.300). O campionato xogarase do 4 ao 10 de xullo en dez campos da cidade e rematará no estadio municipal de Balaídos coa disputa de todas as finais de fútbol 7 e de fútbol. Equipos de Galicia, Castela-León, Andalucía e norte de Portugal buscarán a vitoria logo de 554 partidos.

xoves, 30 xuñ 2011
1309437981vigocup.jpg
A Vigo Cup 2011, o torneo de fútbol base internacional presentado hoxe na Fundación VIDE polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, contará con marca histórica de equipos inscritos (218) e de participantes (3.300).

O campionato xogarase do 4 ao 10 de xullo en dez campos da cidade (O Vao, A Pirucha, As Relfas, Samil, Pahiño, A Bouza, Baltasar Pujales, A Guía, Monte da Mina e Comesaña) e rematará no estadio municipal de Balaídos coa disputa de todas as finais de fútbol 7 (sub 7, sub 8, sub 10, sub 12, todas mixtas, e senior feminina) e de fútbol (sub 14 mixto e sub 16 masculina). Equipos de Galicia, Castela-León, Andalucía e norte de Portugal buscarán a vitoria logo de 554 partidos.

O alcalde da cidade celebrou o vindeiro comezo do torneo "porque significa a forma de entender o deporte base, o deporte polo simple feito de practicalo". E engadiu que "queremos pór de manifesto a nosa paixón polo deporte; que o deporte base saiba que imos ter máis dedicación e que poremos ao deporte vigués como bandeira". Segundo explicou, "queremos involucrar directamente a todo o goberno municipal e a Alcaldía porque Vigo asenta unha parte da súa actividade na práctica deportiva".

Para o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o torneo "é un referente logo dunha década de existencia", mentres que Jorge Santos, director de Infancia, Mocidade e Deportes de Novacaixagalicia, "a Vigo Cup é un produto estrela de VIDE".

Tras a rolda de prensa déronse a coñecer os premios VIDE, exclusivos do fútbol, que premiaron por esta tempada 2010/2011 a traxectoria de máis de 50 anos de Juan Carlos Padín (mellor dirixente), o centenario do Club Deportivo Coya (mellor club) e a Thiago Alcántara (FC Barcelona), fillo do excéltico Mazinho e que a organización premia como mellor xogador sub 21. Padín recolleu o seu premio e José Temperán, vicepresidente del C.D. Coya, recolleu o de mellor club. Thiago estará en Vigo na vindeira semana.
Descargar todas as imaxes