Escoitar

O Pacheco máis artístico e marítimo, no Museo do Mar

O Museo do Mar acolle ata 9 de outubro a exposición "Cartas de punto maior. A costa Galega no Arquivo Pacheco", unha mostra que expoñe por primeira vez algunhas fotografías inéditas do Arquivo Pacheco.Trátase dunha recompilación dun total de 85 imaxes realizadas entre os anos 1895 e 1960.

mércores, 29 xuñ 2011
1309349888pacheco.jpg
A mostra, que ten como fondo temático a cultura costeira galega, se divide en dúas partes. A primeira, concéntrase na cidade de Vigo e propón un percorrido por lugares emblématicos como o Berbés ou o barrio de Bouzas. Invita ao visitante da mostra a un retorno ao pasado da cidade, amosando a súa evolución a través das imaxes da súa industria, as súas praias, o deporte e o tempo de lecer, tendo sempre ao mar como nexo común e telón de fondo.

A segunda parte da exposición transcorre entre Malpica e A Garda, presentando fotografías paisaxísticas de diversos pobos costeiros de Galicia.

A exposición permite tamén contemplar algunhas das xoias do arquivo, concretamente dúas fotografías realizadas por Filippo Prosperi que datan de finais do século XIX e son das máis antigas da colección.

Unha crónica da cidade de Vigo en imaxes

O Arquivo Pacheco representa a máis completa colección de recursos fotográficos de titularidade pública sobre a cidade de Vigo. Está composta por máis de 120.000 imaxes que abarcan o período que vai dende finais do século XIX (1870) ata a década dos anos 70. A variedade temática é unha das súas notas predominantes, entendéndose como unha completa crónica da cidade, e a autoría das fotografías corresponde a varias xeneracións de fotógrafos. O concello de Vigo adquiriu a colección en maio de 1991.

Biografía Jaime de Sousa Guedes, Pacheco

Jaime de Sousa Guedes, Pacheco, iniciouse na fotografía co seu irmán José en Ourense, e formou en 1899 unha pequeña e breve sociedade cinematográfica con Xosé Gil, con quen realizou diversas exhibicións en Celenova, Verín, Braga, Porto e Lisboa.

En 1907, asóciase co estudo fotográfico de Cándida Otero, viúva de Filippo Prosperi. Co falecemento desta en 1915, a galería Viúva de Prosperi-Pacheco pasou a ser propiedade exclusiva de Jaime. Así, moitas das fotos realizadas por Filippo e Cándida foron posteriormente utilizadas por Pacheco, que continuou o catálogo de retratos e vistas da cidade que iniciara o fotógrafo italiano.

Colaborador gráfico de Faro de Vigo, ABC, Blanco y Negro, Vida Gallega e de El Pueblo Gallego, especializouse en retratos de estudo de xente anónima ou persoeiros, como Carlos Maside, Ramón Cabanillas, Luís Seoane, Martínez Garrido ou Castelao, co que se converteu nun dos máis destacados de Vigo e de Galicia.

O seu traballo, realizado cun amplo equipo de colaboradores e que quedou recompilado no Arquivo Pacheco, caracterizouse polo emprego da fotografía como memoria social, especialmente da cidade de Vigo, ao longo de tres cuartos de século.

Colaborou na ilustración de obras como Catálogo de Vigo (1922) e Vigo en 1927 (1928), editadas por Xosé Cao Moure. Tras o seu falecemento en 1954, aos 76 anos, os seus fillos Alberto e Xaime continuaron co mesmo labor no estudo fotográfico.
Descargar todas as imaxes