Escoitar

Abel Caballero urxe unha comisión extraordinaria do Comité de Rutas para potenciar Peinador

O alcalde insiste en que esta plataforma ten que retomar "inmediatamente" as súas posicións de programación de rutas e de potenciación do aeródromo vigués. Caballero lembrou que se non se impulsa Peinador "estamos potenciando Oporto". O rexedor explicou o caso dos 250 alumnos vigueses becados polo Concello para estudar inglés no Reino Unido que viaxarán desde hoxe a través do Sá Carneiro.

xoves, 9 set 2010
Na mañá deste xoves partiron cara ao Reino Unido 50 alumnos becados polo Concello vigués e o fixeron a través do aeroporto de Porto. "Saíron en autobús a Porto porque hai mellores condicións, mellor oferta e mellores prezos que a oferta alternativa, que é o aeródromo de Santiago", indicou o alcalde.

Tamén lembrou que no caso de que a oferta de vóo a Londres fora desde Vigo, tal e como acontecía antes, "os nenos sairían desde Peinador", dixo. En todo caso o alcalde socialista incidiu na necesidade de potenciar Vigo porque, no caso contrario, os tráficos van a parar ao Sá Carneiro, "e iso é un dano para toda Galicia"

Abel Caballero demandou a celebración desta comisión extraordinaria porque, segundo apuntou, "a urxencia do que está pasando así o demanda".