Escoitar

O alcalde anuncia a parada en Vigo do Buque Galicia, da Fragata Méndez Núñez e do Juan Sebastián Elcano para o Festival Aéreo

Abel Caballero mantivo este luns unha reunión co Comandante de Marina, Rafael J. Ceñal, e o xefe de gabinete do Xefe do Estado Maior do Aire, Fernando Vila, e avanzou a estancia en Vigo o 17 e o 18 de xullo das tres embarcacións e a entrega da bandeira de combate ao Méndez Núñez. Esta parada, que permitirá visitar os barcos, é complementaria á celebración do Festival Aéreo Internacional de Vigo do 18 de xullo.

luns, 24 mai 2010
1274704673armada.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns que o Buque Galicia, a Fragata Méndez Núñez e o Juan Sebastián Elcano estarán en Vigo os días 17 e 18 de xullo, e poderán ser visitados pola cidadanía.

Así o indicou o socialista tras unha reunión co Comandante de Marina, Rafael J. Ceñal, e co responsable do gabinete do Xefe do Estado Maior do Aire, Fernando Vila, "primeiras reunións técnicas", apuntou Caballero, para concretar a presenza da Armada no contexto do Festival Aéreo Internacional de Vigo, que terá lugar o 18 de xullo e será presentado próximamente.

Xunto á estadía das tres embarcacións na cidade olívica, o rexedor vigués avanzou asemade que terá lugar o acto de entrega da bandeira de combate á Fragata Méndez Núñez, a cargo dunha madriña cuxa identidade será desvelada máis adiante.

Estas actividades están programadas de xeito simultáneo á celebración do Festival Aéreo, co que serán "dous días moi importantes para a cidade", indicou Caballero, quen amosou o seu "recoñecemento" á Armada.
1274704673armada.jpg
1274704675armada.jpg
Descargar todas as imaxes