Escoitar

Santi Domínguez anuncia o investimento de 1.146.000 euros para a reforma do alumeado e a ornamentación do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este luns o investimento de 1.146.000 euros para a execución de novas actuacións de mellora no Casco Vello, con cargo aos fondos do plan FEIL 2010. Segundo destacou o nacionalista, o proxecto consiste na continuación de renovación do alumeado e os servizo públicos e o impulso dun plan de ornamentación no barrio que permitirán rematar o 2010 cun 90% do Casco Vello remodelado.<br />

luns, 3 mai 2010
1272888937Iluminacion.JPG
Santi Domínguez afirmou que a mellora do alumeado do Casco Vello, no que priman a eficiencia e o aforro enerxéticos, é unha das actuación mellor valoradas tanto pola veciñanza do barrio como polos seus visitantes. Sinalou neste sentido que incluso dende outras rúas da cidade solicitaron a renovación do seu alumeado. "Estes factores impulsáronnos a presentar este proxecto", destacou o tenente de alcalde. O proceso de adxudicación correspondente estará rematado entre oito e dez días e avanzou que se poderá iniciar ao longo deste mes de maio.

Respecto á renovación do alumeado, explicou que o proxecto continúa a actuación iniciada nas rúas xa remodeladas, de xeito que se empregará o mesmo sistema e as mesmas farolas. "Teñen parámetros de eficiencia moi superiores aos que marca o regulamento, mentres que os dos actuais son moi inferiores", indicou. Neste sentido salientou que a substitución das luminarias supón un aforro enerxético do 55% en cada punto de luz. No tocante á eficiencia, comentou que é dun 78%, fronte ao 38% das antigas.

O tenente de alcalde salientou que estes datos permiten utilizar lámpadas de menor consumo "sen rebaixar a capacidade lumínica". As lámpadas utilizadas ata o momento teñen unha potencia de 150 watios e un custo anual de 79 euros. Pola contra, as novas, de 79 watios, teñen un custo de 39,94 euros ao ano. "Imos alumear mellor o Casco Vello e conseguiremos un aforro moi importante nun momento como o actual", destacou.

No tocante ao plan de ornamentación, Santi Domínguez indicou que se crearán zonas axardinadas no Casco Vello mediante o deseño singularizado para cada espazo concreto de actuación. Segundo o tenente de alcalde, unha vez que xa están executadas as actuacións prioritarias, "é o momento de empezar a poñer bonito e atraínte o barrio".

O nacionalista sinalou que o proxecto inclúe a actuación nun total de catorce rúas, entre as que se atopan a rúa Real, Alta, Palma, as catro travesías de Teófilo Llorente, Triunfo e as prazas de Santiago e Conquistadores. Na rúa Méndez Núñez e Fermín Penzol, que foi arranxada o ano pasado, faraes só actuación de ornato. Fóra do núcleo do Casco Vello traballarase no Paseo de Álvarez Blázquez. Esta actuación ten por obxectivo complementar a actuación desenvolvida no xacemento de O Castro mediante a construción de beirarrúas.

As melloras de abastecemento e pavimento desenvolveranse nas no tramo final da Real, rúa Alta, Baixada a Pedra e na Praza de Conquistadores, que une a Praza da Pedra co Centro Comercial de A Laxe. "Con estas actuacións e as xa presentadas para a Colexiata e o seu contorno podemos dicir que ao remate do 2010 teremos actuado practicamente no 90% do Casco Vello da nosa cidade", asegurou o tenente de alcalde. Segundo afirmou, deste xeito, "o BNG cumpre o seu compromiso" de recuperar o barrio histórico do centro de Vigo.

Respecto aos detalles do plan de ornamentación, o concelleiro de Patrimonio Histórico en resposta aos medios explicou que cada unha das rúas, en función das súas dimensións e os seus edificios terá un "tratamento específico". Sinalou que na maioría dos casos se empregarán maceteiros para albergar os elementos ornamentais, integrados por flores, prantas e pequenos arbustos. Rexeitou os elementos colgantes "porque non son característicos do Casco Vello e presentan diversos problemas, como o do regado".

Eudosio Álvarez, por outra banda, destacou que este plan ornamental será consensuado cos veciños e veciñas "para que non estorbe a actividade comercial e hosteleira do barrio, senón que a complete e realce". Sinalou tamén que o lugar no que se colocarán os diversos elementos é decidido por unha comisión integrada polos técnicos municipais e polos técnicos do proxecto.
Descargar todas as imaxes