Escoitar

O alcalde indica que Urbanismo baralla distintos terreos para que a Xunta constrúa o albergue en Vigo

Abel Caballero explicou este venres aos colectivos acampados na Praza do Rei -solicitando a apertura dun albergue- que a opción do Concello é que a Xunta de Galicia abra de inmediato a Gota de Leite de maneira provisional para estudar posteriormente en conxunto a habilitación do definitivo. O alcalde asegurou que, de non aceptar o goberno autonómico, Urbanismo xa busca terreos para construilo.

venres, 30 abr 2010
1272631284albergue.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este venres que a Xerencia de Urbanismo, que dirixe o socialista José Mariño, baralla distintos terreos que ceder á Xunta de Galicia para que o goberno autonómico constrúa un albergue.

O rexedor explicou aos colectivos acampados na Praza do Rei -en demanda da apertura dun centro de inclusión social- que a competencia nesta materia é exclusiva da Xunta de Galicia, que preparou no anterior goberno o edificio coñecido como A Gota de Leite para esta finalidade. Caballero comunicoulles que o Concello avoga pola apertura inmediata e provisional desta sede para os sen teito -que leva un ano sen uso-, e despois estudar en conxunto a definitiva.

Caballero recordou que esta opción a ofreceu por carta o alcalde á conselleira de Traballo e Benestar fai uns seis meses, alternativa que volverá a ofertar o primeiro edil. "Estamos diante dunha competencia da Xunta de Galicia", recordou Caballero, pero de non aceptar, o Concello xa baralla distintos terreos que por a disposición do goberno autonómico para que este constrúa o albergue, aínda que esta posibilidade "require tempo".

Segundo explicou o alcalde, Urbanismo xa traballa na procura dun solar ao efecto, pero a cesión e a edificación ata a apertura podería causar que os sen teito non dispoñan do albergue este inverno, polo que reiterou que a mellor opción é a apertura provisional da Gota de Leite. O alcalde tamén ofreceu de xeito temporal o edificio do Berbés coñecido como a antiga Escola de Hostalaría ao efecto, como xa funcionou en pasados anos.
Descargar todas as imaxes