Escoitar

Tenencia e Benestar renovan os convenios de financiamento co Comedor da Esperanza, Afán e Hermanos Misioneros

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciaron este venres a renovación dos convenios bianuais co Comedor da Esperanza, a asociación Afán e os Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres, por un importe global de 60.000 euros. Os nacionalistas salientaron a labor que realizan estas entidades como complemento á atención pública ás persoas con menos recursos.

xoves, 29 abr 2010
1272554190Conveni.JPG
"É unha obriga para as administracións acudir na axuda das entidades que desenvolven o seu labor social nesta cidade", afirmou o tenente de alcalde. Subliñou, asemade a aposta do BNG polos servizos e a atención pública á cidadanía, pero recoñeceu que mentres non se poda abranguer todo ese espazo, é preciso axudar as organizacións que levan moitos anos ofrecendo esa axuda, "que se agrava nestes momentos de crise", apuntou.

Santi Domínguez destacou o esforzo que se está facendo dende Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social co incremento do orzamento de Benestar Social para dar resposta ás necesidades das persoas con menos recursos. Subliñou que esta é unha prioridade para o BNG no goberno municipal. "E desta prioridade sabe moito o Comedor da Esperanza, os Hermanos Misioneros e Afán", asegurou. Asemade, recoñeceu que tras as visitas que realizan periodicamente ás instalacións destas entidades "saímos convencidos de que temos que afondar nesta liña de procurar unha vida digna para todas as persoas".

A concelleira de Benestar Social fixo unha loa do traballo que están a levar a cabo estas asociacións, e sinalou que nos últimos tempos nas tres se detectou un forte incremento das persoas que buscan axudas. "Aínda que poñamos en marcha programas, non podemos prescindir das entidades sen ánimo de lucro como estas", indicou.

María Méndez apuntou a necesidade de crear "unha rede entre as administracións e as entidades sen ánimo de lucro", para que as persoas sen recursos poidan vivir dignamente. Neste sentido dixo que as propias asociacións teñen manifestado a falta de coordinación entre elas, polo que avanzou que dende a Concellería de Benestar Social se asumirá a coordinación.

Respecto ao convenio coas tres entidades, sinalou que son bianuais, polo que o seu incremento corresponde ao IPC, pero que cando as necesidades se incrementan considerablemente Benestar Social trata de darlle resposta "dentro das súas posibilidades". No tocante ao Comedor da Esperanza, a concelleira indicou que as comidas diarias que se reparten pasaron de 80 a 120, polo que sor Milagros agradeceu o compromiso persoal de Santi Domínguez e María Méndez coa entidade. Afán, pola súa banda, presta apoio a un total de 430 familias ao mes. O seu representante, Luis Álvarez, asegurou que sen a axuda municipal, "a máis forte dende 1986, ano de creación da asociación", non se podería proporcionar esta axuda. Neste mesmo sentido expresouse o pai Donaire, quen agradeceu ao Concello a súa colaboración económica, que permitiu a contratación dunha asistenta social. Apuntou tamén que o albergue da entidade, de 44 prazas para homes, "está cheo".
Descargar todas as imaxes