Escoitar

As paisaxes de Leopoldo Varela enchen de cor os espazos da Alcaldía

O alcalde, Abel Caballero, inaugurou este mércores unha nova mostra do ciclo Mostrarte, o programa que leva as obras de artistas vencellados coa cidade aos espazos abertos da Alcaldía de Vigo. Desta volta, é o turno do porriñés Leopoldo Varela, un dos artistas galegos máis sólidos e persoais, que plasmou en cores paisaxes vigueses tan características coma o Parque de Castrelos, O Vao, o Náutico ou o Berbés, entre outros.

mércores, 28 abr 2010
1272458682leopoldo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou hoxe unha nova edición do ciclo Mostrarte, neste caso coa obra de Leopoldo Varela (O Porriño 1927- Vigo 2007), na que deixa patente a súa paleta rica, capaz de plasmar os recunchos máis elementais da nosa paisaxe cun encanto sorprendente.

A exposición, enmarcada dentro da convocatoria Mostrarte, desenvólvese no espazo da Alcaldía de Vigo para promocionar as obras de artistas vigueses ou vencellados á cidade. No caso de Leopoldo Varela, aínda que nacido no Porriño, o artista plasmou en inumerables ocasións lugares de Vigo coma os seus arredores, o Parque de Castrelos, o Pazo da Pastora, o Náutico, o Vao ou O Berbés, entre outros.

Paisaxista por excelencia Leopoldo Varela é capaz de transmitir na súa obra unha mancha firme e vigorosa a través dunha paleta exquisita e amable. Nesta exposición Varela fai un percorrido por unha pintura herdeira das vangardas históricas pero con selo propio. De feito, o académico e experto Francisco Pablos recoñece que a reflexión de Varela "levoulle a unha pintura personalísima, de paleta quente e encanto intransferible". Tamén destaca Pablos que a súa pintura "é Galicia, latente ou presente, desde unhas formulacións nada rexionalistas; alleos por completo a calquera costumismo flolclorista".

O tamén artista Mingos Teixeira, coordinador de Mostrarte define a obra de Varela como "sólida e coherente", unha pintura que considera "herdeira e transmisora das vangardas históricas, pero cun selo persoal e intransferible logrado mediante unha linguaxe particular". "Estoy seguro de que a obra vai xurdir coa forza que lle corresponde".

Polo ciclo "MOSTRARTE", que ven desenvolvéndose na Alcaldía viguesa dende hai dous anos pasaron xa artistas como A. Quesada, X. Pousa, Abreu Bastos, Solveira... e outros artistas de recoñecido prestixio que están íntimamente vencellados a cidade.

O alcalde, que destacou a belleza singular da obra de Varela, subliñou na inauguración que o éxito de Mostrarte, edición tras edición, "levará a acelerar, a enfatizar e a ampliar a mesma".
Descargar todas as imaxes