Escoitar

Santos Héctor sinala que o novo Banco do Tempo do Concello conta xa con 60 participantes

O concelleiro de Participación Cidadá presentou este martes esta iniciativa cidadá, gratuita, aberta a todos e articulada en torno aos Centros Cívicos do Casco Vello, Teis, Saiáns e Coruxo. "Todo o mundo ten algo que ofertar", apuntou o edil, quen explicou que cada participante ofrece un servizo ou coñecemento durante unhas horas, que quédanlle almacenadas como crédito para cando as precise.

martes, 27 abr 2010
1272372434santos.JPG
O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, asegurou este martes que o novo Banco do Tempo do Concello de Vigo xa conta con 60 participantes activos.

O edil socialista presentou esta iniciativa do seu departamento, gratuita e aberta a toda a cidadanía, articulada en torno aos Centros Cívicos do Casco Vello, Teis, Saiáns e Coruxo, que informarán, asesorarán e organizarán o Banco do Tempo. Héctor valorou positivamente esta medida que "posibilita a interrelación cidadá" e animou á participación porque "todo o mundo ten algo que ofertar".

Esta acción de carácter social está encamiñada ao fortalecemento das relacións veciñais e ao aproveitamento das capacidades da xente, por medio do troco de actividades ou cousas que queiran compartir. Mediante este sistema cada veciño poderá ofrecer as habilidades ou obxectos que desexe aos outros veciños, de xeito que cada un pode obter aquelo do que carece e ofrecer o que lle sobra.

Segundo indicou o concelleiro, os veciños poden ofrecer ou solicitar servizos ou obxectos materiais a cambio de cheques de tempo. O tempo é a moeda de troco, moeda da que todo o mundo dispón en maior ou menor medida, e que mediante esta actividade pódese converter en calquera cousa que precisemos. As posibilidades do Banco do Tempo son potencialmente ilimitadas, xa que o número e a variedade dos produtos e servizos intercambiables só depende da vontade e a imaxinación de cada veciño que participa.

Ademais, no Banco do Tempo do Concello de Vigo, o usuari@ contará con vantaxes como un blog de noticias e actualidade e un programa de xestión de datos on line para conectarse dende a casa e consultar as ofertas e demandas con toda comodidade. Tamén, quen o desexe, poderá recibir noticias sobre a iniciativa, no seu correo electrónico.

O Banco do Tempo conta coa virtude de constituír unha rede de autoaxuda da propia comunidade, onde cada veciño e veciña pode tomar conciencia das capacidades que como colectivo posúen e das virtudes antes descoñecidas dos seus concidadáns.

Tódalas persoas interesadas deberán dirixirse ó seu Centro Cívico máis próximo para darse de alta. Alí recibirán toda a información que precisen e poderán inscribirse, facilitando os datos necesarios para darse de alta e indicando o servizo que ofertan o demandan. Así mesmo, poderán ver as ofertas xa existentes e os posibles obradoiros que se podan realizar a través do servizo do Banco do Tempo.
Descargar todas as imaxes