Escoitar

Raquel Díaz subliña que o orzamento de 2009 posibilitou un "maior gasto por habitante e menor endebedamento"

Na presentación ao Pleno da liquidación do exercizo económico municipal do pasado ano, a concelleira de Economía e Facenda salientou que as contas do Concello permitiron realizar investimentos por valor de 104 millóns de euros, xerar emprego e humanizar cen rúas, mostra da "capacidade de xestión deste goberno". A oposición denunciou "déficit" nas cifras, que Díaz achacou á falta de parte do pago do Goberno de España polas obras do Plan E.

luns, 26 abr 2010
1272287686raquel.JPG
A concelleira de Economía e Facenda, a socialista Raquel Díaz, asegurou este luns que a liquidación do orzamento municipal de 2009 reflexa un "maior gasto por habitante e menor endebedamento" que en exercizos anteriores.

Na presentación ao Pleno da Corporación da liquidación do orzamento de 2009, a edil subliñou que as contas do pasado ano fixeron posible investir 104 millóns de euros -incluída o correspondente á cidade de Vigo do Plan E do Goberno de España-, crear emprego e humanizar un centenar de rúas. Ao tempo, os números falan dun "incremento de remanentes" no Concello.

A concelleira explicou que o compromiso de gasto no 2009 acadou un 99,09% do total, o que cualificou como a mostra da "capacidade de xestión deste goberno para transformar a cidade". Para a socialista, a liquidación amosa a aposta do goberno local pola xeración de emprego, as políticas sociais e os investimentos.

Déficit
O grupo municipal do Partido Popular denunciou a "falta de estabilidade orzamentaria" do documento, en verbas do seu voceiro de Economía, Jorge Conde. O edil aludiu así ao informe do interventor municipal, que obriga á elaboración dun plan económico financeiro de liquidación, e que refírese a un saldo negativo de 15 millóns de euros.

A concelleira explicou que a liquidación péchase a 31 de decembro, data na que o Goberno de España adebedaba ao Concello vigués 18 millóns de euros dos 52,2 que corresponderon a Vigo polo Plan E, hoxe xa abonados. Díaz rexeitou a crítica da oposición e argumentou que o informe do interventor tamén explicita que a orixe do desequilibrio é a falta do pago estatal.
Descargar todas as imaxes