Escoitar

O alcalde inicia contactos para conveniar unha oferta de garderías para traballadores de empresas

Abel Caballero anunciou este venres o inicio dunha rolda de contactos coas empresas para conveniar a posta en marcha de escolas infantís para os fillos do persoal das entidades. O alcalde propón dar "cobertura integral" de garderías na cidade, coa posta en marcha de catro novas o próximo curso e "alo menos" outras catro para 2011. Caballero prevé que en dous anos o número total supere as 1.000 prazas.

venres, 23 abr 2010
1272026054P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres o inicio dunha rolda de contactos con empresas para conveniar a oferta de escolas infantís para os fillos dos seus traballadores.

Así o indicou Caballero en rolda de prensa, tras a aprobación do Plan de Seguridade e Saúde da rehabilitación de Mestres Goldar para gardería municipal. Esta será a primeira das catro novas escolas que estarán operativas no próximo curso, xunto coa de Tomás Alonso, Casiano Martínez e unha cuarta no entorno da rúa Coruña. En total, a oferta no vindeiro curso ampliarase en 350 prazas.

Estas medidas, segundo explicou o rexedor socialista, forman parte do proxecto municipal para dar "cobertura integral" de escolas infantís en toda a cidade, unha iniciativa que comeza coas catro xa citadas e que terá continuidade con "alo menos" outras catro para o ano 2011. Ademais, o Concello está a preparar un plan de garderías para incrementar ese número.

As catro novas escolas infantís elevarán a oferta total de prazas no curso 2010-2011 a 750, unha cantidade que cubriríase atendendo á demanda do curso pasado. Caballero estimou que -coas catro novas previstas para 2011- o total de prazas municipais superaría as 1.000 en dous anos.
Descargar todas as imaxes