Escoitar

O Concello insta á Xunta de Galicia a adaptar o Plan do Litoral ao PXOM vigués ou a súa retirada

O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, explicou que considera "excesivo e abusivo" a afección do Plan autonómico á cidade, e defendeu a súa adaptación ao Plan Xeral, xa acorde ás leis de preservación do litoral. O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, avogou pola retirada dun texto que "destrúe e bloquea o noso crecemento" e o grupo municipal do PP defendeu este "instrumento comprometido coa sostibilidade e a paisaxe".

luns, 26 abr 2010
1272287607pol.JPG
O Pleno da Corporación de Vigo acordou hoxe, en moción extraordinaria, solicitar á Xunta de Galicia que adapte o seu Plan de Ordenación do Litoral ao Plan Xeral vigués ou, de non facelo, que retire o devandito texto.

A moción, presentada de urxencia polo BNG e enmedada polo PSOE, deu continuidade á presentación ao Pleno do informe elaborado polos técnicos municipais sobre o Plan do Litoral e a súa incidencia no termo municipal vigués.

O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, explicou hoxe luns que o informe elaborado polos técnicos municipais sobre o Plan da Xunta de Galicia afecta a unha terceira parte do solo vigués.

Mariño considerou esta afección como "excesiva e abusiva" e defendeu que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo en vigor xa está adaptado á lei actual de protección da franxa costeira. "Estamos a prol dun plan que preserve o litoral", asegurou "pero o Plan Xeral xa o fai", apuntou o edil socialista.

O concelleiro incidíu asemade en que o Plan autonómico altera os parámetros do PXOM e o seu equilibrio financeiro, e non explica cómo afrontaríanse as indemnizacións resultantes da súa aplicación.

O tenente de alcalde, o nacionalista Santiago Domínguez, salientou que o Plan de Ordenación do Litoral afecta "moi gravemente" ao desenvolvemento da cidade e denunciou a súa "falta de rigor". Domínguez asegurou que o texto "destrúe e bloquea o noso crecemento" e recordou que o PXOM xa cumpre coa normativa de protección do litoral vixente.

Domínguez reiterou que "miles de edificacións" veríanse afectadas coa aplicación en Vigo do Plan autonómico de Ordenación do Litoral polo que pedíu a súa retirada "inmediata".

O edil do PP no Concello, Antonio Martiño, defendeu que o Plan de Ordenación do Litoral é un "instrumento comprometido coa sostibilidade e a paisaxe" que "protexe o litoral de Galicia" e avanzou que o seu grupo municipal presentará "no seu momento" alegacións ao texto "en defensa da cidade".

Martiño -quen non pronunciouse sobre o informe técnico municipal- indicou que o POL necesítase "con urxencia" e apuntou que a súa retirada suporía evitar a ordenación do litoral vigués.
Descargar todas as imaxes