Escoitar

Santi Domínguez convida a apoiar o pequeno comercio na inauguración dos actos que Aetravi organiza polo Día da Nai

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, animou ás viguesas e vigueses a amosar o seu apoio ao pqueno e mediano comercio da cidade facendo nel as súas compras con motivo do Día da Nai. O nacionalista expresou a súa satisfacción por participar novamente na inauguración dos actos que organiza a Asociación de Comerciantes de As Travesas (Aetravi) para conmemorar este día.

venres, 30 abr 2010
1272630986Travesas.JPG
"Entre todos e todas temos que apoiar o pequeno e mediano comercio de Vigo, porque é o que deixa aquí a súa riqueza", dixo o tenente de alcalde no acto, no que tamén participaron a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares. Entre as virtudes deste tipo de establecementos destacou tamén a súa proximinade e o trato dos seus responsables cos clientes.

Santi Domínguez resaltou o traballo que realizan as nais e as mulleres en xeral. Ao seu xuízo, "as mulleres son unha peza fundamental no desenvolvemento da cidade e no pequeno e mediano comercio". Finalmente, expresou os seus parabéns a Aetravi, polo seu traballo, e xa asegurou que "representa o comercio tradicional, que é o que temos que impulsar e querer, como ás nosas nais".

Os actos previstos para hoxe inclúen o reparto de caraveis na praza do Emigrante, clases de ximnasia a cargo de Florida Gym, a demostración do pulpeiro José Rúa e as actuacións do monologuista Pepo Suevos e o cuarteto de corda Flow no paraninfo do instituto Santa Irene ás 20 horas, así como a entrega dunha praca conmemorativa á Nai das Travesas.
Descargar todas as imaxes