Escoitar

Iolanda Veloso anuncia a renovación do convenio coa Xunta para o centro de emerxencia de mulleres vítimas de violencia

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, destacou este venres a importancia da renovación do convenio para o centro de emerxencia de mulleres vítimas de violencia de xénero. Así o anunciou a concelleira tras a xuntanza que mantivo coa secretaria xeral de Igualdade, Marta González, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e que cualificou de "moi positiva para a coordinación e colaboración entre as administracións".

venres, 9 out 2009
Iolanda Veloso destacou que na xuntanza, respecto ao mantemento do convenio, tratouse a posibilidade de minorar a achega que fai o Concello de Vigo e incrementar a que fai a Xunta, así como solicitar a colaboración doutras administracións como a Deputación de Pontevedra. "Nestes momentos confirmamos que a entidade provincial non financia ningún recurso para mulleres vítimas da violencia e os únicos recursos que existen na provincia de Pontevedra son os dous en Vigo, o Centro de Emerxencia e a Rede Municipal de Vivendas", explicou.

A concelleira de Igualdade sinalou ao respecto que segundo os datos de ocupación do Centro de Emerxencia, as mulleres de Vigo e a súa contorna representan o 34%, sendo o resto doutros puntos da provincia. Ao seu xuízo isto supón que "é preciso equilibrar as achegas das administracións".

As obras para mellorar a accesibilidade no centro, incluidas no plan de eliminación de barreiras arquitectónicas de edificios municipais, foi outra das cuestións tratadas na xuntanza. Neste sentido, Iolanda Veloso indicou que o Centro de Emerxencia para mulleres non pechará as súas portas, senón que seguirá prestando parte dos servizos no inmoble, aínda que algunhas usuarias serán dirixidas a outros recursos. A concelleira indicou que se utilizarán tamén as vivendas municipais para acoller ás mulleres vítimas de violencia de xénero. "Pola súa banda, a Secretaría Xeral ten previsto acoller ao resto de mulleres do país", engadiu.

O incremento de persoal especializado, sobre todo o destinado á atención aos fillos e fillas das mulleres vítimas da violencia, e a proposta dun plan formativo para os traballadores e traballadoras do centro foron otros dos temas que segundo a concelleira tiveron unha "acollida favorable por parte da secretaria xeral".