Escoitar

Xa están esgotadas as invitacións para as visitas teatralizadas ao Museo Quiñones de León

As invitacións para asistir ás visitas teatralizadas "Misterio no museo" das 13 sesións que terán lugar no mes de outubro e novembro están xa esgotadas, segundo informou este xoves o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Ao respecto, o edil nacionalista salientou que se trata dun "novo éxito da iniciativa", xa que en menos de dúas xornadas se esgotaron as 400 entradas postas a disposición do público.

xoves, 8 out 2009
O concelleiro de Patrimonio Histórico afirmou que as visitas teatralizadas son un "xeito de facer atractivos os contidos do museo". Eudosio Álvarez lembrou que iniciativas similares se poñen en práctica tamén nos museos máis prestixiosos do mundo co obxectivo de "achegar a cultura e o patrimonio a toda a cidadanía". Neste sentido indicou que dado o éxito acadado por este proxecto "seguiremos apostando por este tipo de iniciativas".

As 13 visitas teatralizadas do programa "Misterio no Museo" serán os venres 9, 16 e 23 de outubro, en pases ás 20,30 e ás 21,45 horas, así como o sábado 31, dedicado á "Noite do Samaín", con sesións ás 21 e ás 22,15 horas. En novembro, as sesión serán os venres 6 e 20, en pases ás 20,30 e ás 21,45 horas, e o venres 13, a "Noite do terror", terá lugar unha funcións especial ás 20 horas para toda a familia.