Escoitar

Os restos arqueolóxicos do Areal reducen o tamaño do aparcadoiro, que iniciará as obras en outono

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns a modificación do trazado do aparcadoiro do Areal, que por mor dos vestixios arqueolóxicos atopados reducirá o seu tamaño das 556 prazas iniciais ás 345 definitivas. O alcalde estimou que "a comezos de outono" poderán comezar as obras e o final da construcción apenas variará e será a inicios de 2011.

luns, 15 xuñ 2009
O alcalde, Abel Caballero, informou hoxe luns do acordo adoptado polo goberno local para modificar o trazado do aparcadoiro soterrado do Areal, que ve reducido o seu tamaño polos restos arqueolóxicos atopados na zona.

Segundo informou o rexedor, a Consellería de Cultura non autorizou que o aparcadoiro tivera o tamaño previsto polo valor dos restos arqueolóxicos localizados, co que a parte entre Colón e Concepción Areal será eliminado do proxecto constructivo do aparcadoiro. Finalmente, as prazas do futuro estacionamento soterrado pasarán das 556 iniciais ás 345 definitivas.

Prazos
Abel Caballero informou que, tras o acordo da Xunta de Goberno Local, o novo proxecto pasa 30 días a información pública, despois do que valoraranse as alegacións eventualmente presentadas, aprobarase e presentarase o novo proxecto construtivo.

O alcalde estimou de xeito aproximado que "a comezos de outono" iniciaranse as obras de construción e adiantou que non variará a data de finalización da obra; ao reducirse o tamaño do mesmo, o aparcadoiro estará listo para a súa apertura a comezos de 2011.