Escoitar

O alcalde transmitirá as inquedanzas dos empresarios vigueses ao número tres do goberno arxentino

Abel Caballero parte este venres a Bos Aires, onde asistirá á celebración do 90 Aniversario da Asociación de Mutualistas Residentes de Vigo na cidade arxentina, e se entrevistará cos empresarios vigueses asentados neste país, para posteriormente transmitir as súas inquedanzas ao número 3 do goberno arxentino, Oscar González.

venres, 7 nov 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, encabeza a delegación viguesa que parte este venres a Arxentina invitado aos festexos do 90 Aniversario da Asociación de Mutualistas Residentes en Vigo en Bos Aires, entidade á que pertenceron "nomes moi ilustres" da cidade olívica e do país americano.

O alcalde, acompañado polo concelleiro de Cultura, Xesús López, transmitirá ao colectivo o "cariño" dunha cidade que mantén a memoria de todos aqueles que partiron desde Vigo. "Esta cidade lles debe unha homenaxe", citou Abel Caballero.

O rexedor informou que aproveitará a viaxe para entrevistarse co Embaixador e os adxuntos da Embaixada, co obxectivo de tratar as cuestións vencelladas con Vigo e os cidadáns residentes en Arxentina.

Tamén se reunirá cunha representación de empresarios vigueses naquel país, coa Asociación de Empresarios Galegos en Arxentina, con altos representantes de Citroën, da pesca, das aseguradoras e das entidades financeiras, é dicir, "o núcleo empresarial vigués asentado en Arxentina", para coñecer de primeira man o estado dos vigueses no país e todas as cuestións pertinentes.

Unha vez coñecidas as demandas e necesidades do colectivo, o alcalde os trasladará ao coordinador dos ministros do goberno arxentino, Oscar González, na práctica, o número tres do executivo, citou Abel Caballero.

Ademais, o rexedor adiantou que se entrevistará co Centro Galego de Avellaneda e con descendentes de vigueses, en especial con terceiras xeracións de cidadáns que partiron desde a cidade olívica.

Máis información