Escoitar

Xabier Alonso anuncia que as Xornadas do Deporte Galego en Navia comezan o venres con Iván Pozo e Paco Amoedo<br />

A primeira edición das Xornadas do Deporte Galego en Navia inaugúrase o 7 de novembro, nas instalacións da asociación veciñal desta parroquia coa presenza do campión europeo de boxeo Iván Pozo e o seu adestrador, Paco Amoedo, segundo anunciou este xoves o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. O edil destacou a importancia desta iniciativa porque "é novidosa e reflicte o traballo a prol do deporte que están a desenvolver asociacións veciñais como a de Navia".

xoves, 6 nov 2008
1226055652xornadasdeporte061108.jpg
"É moi importante que dende os barrios e as parroquias se amose o amplo abano de especialidades deportivas que chegan a un alto nivel nas competicións", salientou o concelleiro, quen manifestou o seu desexo de que a iniciativa acade unha forte participación, posto que se trata dunha "experiencia novidosa que aplaudimos dende a Concellería de Deportes". Así, animou a toda a cidadanía a participar nas xornadas que comezan mañá ás 20 horas no local da Asociación Veciñal de Navia (rúa Bravo, 6) coa participación do campión europeo de boxeo Iván Pozo e o seu adestrador, Paco Amoedo.

Os seguintes encontros que integran o programa terán lugar os días 14, 21 e 28 de novembro e o 5 de decembro. Nelas participarán o xogador de balonmán do Octavio Pilotes Posada, José Cerillo; o ex xogador do Celta e internacional coa selección arxentina, Gustavo López; a segunda adestradora da selección feminina de baloncesto nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008, Susana García; o preparador físico da selección feminina de baloncesto nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008, Domingo Salinas; o cádruple medallista nos Xogos Paralímpicos de Pekín 2008, Chano Rodríguez; o dobre medallista en piragüismo nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008, David Cal; e o adestrador de David Cal e director técnico da federación española de piragüismo, Suso Morlán.

O presidente da Asociación Veciñal de Navia, Francisco Piñeiro, agradeceu aos deportistas a súa predisposición para participar nas xornadas, ao tempo que sinalou que Susana García e Chano Rodríguez amosarán en imaxes a súa experiencia nas Olimpiadas de Pekín. Ademais, anunciou que as xornadas constarán dunha segunda fase, que se celebrará no mes de abril, na que se contará con outros e outras deportistas representantes doutros deportes. Posteriormente, a Alameda de Navia acollerá unha fase práctica na que as persoas interesadas poderán participar nas distintas especialidades deportivas propostas. "Pensamos que estas xornadas son unha boa ferramenta de animar aos rapaces e ás rapazas a entrar en contacto co deporte de élite", explicou o presidente da Asociación Veciñal de Navia, quen destacou ademais que dende a organización buscouse dar cabida non só ao fútbol, senón especialmente aos deportes minoritarios.

Descargar todas as imaxes