Escoitar

O tenente de alcalde inaugura a Festa do Comercio no Casco Vello para dinamizar o barrio histórico da cidade

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio do Concello de Vigo, Santi Domínguez, inaugurou este xoves unha nova edición da Festa do Comercio que nesta ocasión chega ao Casco Vello co obxectivo de dinamizar o barrio histórico de Vigo. "Seguimos apostando por atraer a veciñanza ao pequeno e mediano comercio para impulsar un sector tan importante na nosa cidade", subliñou Santi Domínguez, quen sinalou que a inciativa responde a unha demanda do propio colectivo.

xoves, 6 nov 2008
1225977873festacomerciocascovello.jpg
Santi Domínguez explicou que a Festa do Comercio é un programa que rota polos distintos barrios e zonas comerciais da cidade, de xeito que chega ao Casco Vello tras pasar polo Calvario, Teis, As Travesas e Progreso. O tenente de alcalde salientou así mesmo que é unha iniciativa que trata de "impulsar o comercio da cidade nun momento de crise no que as administracións teñen que traballar cara ao futuro". Neste sentido indicou que os orzamentos destinados ao Casco Vello, ademais de reservar unha partida importante para renovar a súa imaxe, contemplará outra para potenciar o comercio "dun xeito participativo". A mesma Festa do Comercio é produto da participación, sinalou o tenente de alcalde, posto que arrancou dunha inicitiva que os comerciantes solicitaron.

"Cada vez que un pequeno e mediano comercio pecha, estamos preocupados", manifestou o nacionalista respecto ás preguntas dos xornalistas sobre a crise do pequeno e mediano comercio na cidade. Explicou que os datos dos que se dispoñen indican que os comercios que pechan non son os clásicos e tradicionais, "senón os novos que están en fase de implantación e amortización dos investimentos e que se atopan con problemas de financiamento". Ao respecto reiterou que é preciso que as administracións traballen por fomentar o pequeno e mediano comercio. "Temos un bo comercio en Vigo, que desenvolve un forte esforzo para a súa modernización", subliñou.
Descargar todas as imaxes