Escoitar

Un funicular que se despraza sobre un raíl é a proposta gañadora para a conxeión entre O Berbés e o Concello

A consellería de Vivenda, Teresa Táboas, e o tenente de alcalde e presidente do Consorcio do Casco Vello, Santi Domínguez, presentaron hoxe a proposta gañadora do concurso convocado para mellorar a conexión transversal entre O Berbés e o Concello. O xurado elixiu entre 19 propostas un sistema de funicular que se despraza sobre un raíl. O obxectivo é que esté en servizo ao longo do ano 2010.

xoves, 6 nov 2008
1225978784conexioncascovello.jpg
O proxecto, obra do Estudo de Arquitectura B01 Artquitectes de Barcelona, prolóngase 200 metros a través dun túnel de 3 metros de ancho, con tramos interiores e outros a ceo aberto, por onde circula un vagón con capacidade para 30 persoas e cunha frecuencia de paso de 10 minutos. Terá estacións no Berbés, en Poboadores, no Paseo de Alfonso XII e no Castelo de San Sebastián, na parte posterior do Concello.

A consellería de Vivenda, Teresa Táboas, salientou que esta conexión "suporá unha mellora substancial na accesibilidade dos habitantes do Casco Vello, co que iso implica de mellora na calidade de vida dos residentes, e posibilita tamén facer máis atractivo aos visitantes e turistas que se achegan ao Berbés, á subida ao Castelo de San Sebastián e ao Concello, co que iso implica de revitalización económica e social do Casco Vello".

Teresa Táboas explicou que a partir de agora a equipa gañadora terá que redactar o proxecto con detalle e se iniciará a súa tramitación en colaboración co Concello de Vigo. "Esperamos que a finais de 2009 teñamos xa o proxecto definitivo elaborado e coa tramitación aprobada para poder licitar os traballos en 2010", precisou. A consellería estimou que o orzamento do proxecto situaríase arredor dos cinco millóns de euros, que financiará o seu departamento.

O tenente de alcalde e presidente do Consorcio agredeceu esa aposta firme que está a manter a consellería polo Casco Vello de Vigo. Sinalou que o proceso de recuperación integral do barrio histórico é un obxectivo estratéxico "que non se podería ter iniciado sen o apoio da Consellería a través do Consorcio do Casco Vello".

Santi Domínguez dixo que este proxecto "vai contribuir decisivamente a favorecer a mobilidade no barrio e vai permitir tamén articular mellor a vinculación de dúas zonas do Casco Vello que hoxe viven practicamente alleas unha a outra". O tenente de alcalde sinalou que esta conexión é un elemento fundamental no proceso de recuperación da zona, que inclúe a rehabilitación de vivendas, a dinamización do barrio, á atención aos seus veciños e veciñas e o trato preferente ao mantemento das súas rúas.

"Arestora xa é perceptible o proceso de rehabilitación que se está a dar no Casco Vello", asegurou Santi Domínguez. O presidente do Consorcio explicou que neste momento hai xa adquiridos 44 edificios, cun orzamento próximo aos 10 millóns de euros. En proceso de rehabilitación hai 15 edificios e nos vindeiros meses iniciaránse obras noutros tantos.
Santi Domínguez fixo fincapé tamén noutras medidas nas que se está a traballar como os coidores de barrio, que están na última fase de formación, o programa de limpeza de pintadas ou as subvencións para que propietarios e inquilinos asuman os proxectos de rehabilitación.
O tenente de alcalde lembrou que todas estas actuacións están reforzadas desde o Concello de Vigo, que esta ano investiu cerca de 2 millóns de euros directos de investimentos, cifra que medrará ata os 3 millóns no 2009.

Descargar todas as imaxes