Escoitar

Xesus López destaca o "MoveVigo Magosto 2008" como ferramenta para recuperar a cultura galega

Recuperar a festa do magosto como unha festa de barrio e da cultura galega na que participe toda a cidadanía é un dos obxectivos da programación "MoveVigo Magosto 2008", segundo salientou este xoves o concelleiro de Cultura, Xesus López. Na presentación do programa, na que tamén participou Xosé Couñago Ribeira, vogal de Cultura da Federación Veciñal "Eduardo Chao", o edilexplicou que 104 actividades terán lugar ata o 30 de novembro nos barrios e as parroquias de Vigo.

xoves, 6 nov 2008
1225977713movevigo08.jpg
Xesus López salientou que a Concellería de Cultura traballa para achegar á cidadanía viguesa as principais figuras do panorama internacional, pero "sobre todo, aposta por potenciar a nosa cultura, da que os magostos son un claro expoñente". Neste sentido indicou que quenes mellor representan esta forma de entender a cultura son precisamente as asociacións veciñais, en tanto que tamén buscan achegar a cultura a todos os barrios e parroquias. De feito, o programa cultural e de lecer "MoveVigo Magosto´08" suma un total de 104 actividades e espectáculos abertos á participación de toda a cidadanía, que se desenvolverán en 26 asociacións veciñais.

"O convenio das áreas do goberno do BNG coa Federación Veciñal ascende a 75.000 euros e este acordo recolle o programa MoveVigo", explicou o edil nacionalista, quen subliñou que os espazos nos que se desenvolven as distintas actividades convértense en "espazos para a convivencia e a transmisión de valores". Neste sentido felicitou á Federación Veciñal, "porque da gusto traballar con eles", e agradeceu á todas as persoas integrantes das asociacións veciñais que forman parte da "Eduardo Chao" pola súa "colaboración desinteresada".

O concelleiro de Cultura convidou ás viguesas e aos vigueses a participar nos magostos que terán lugar ao longo do mes de novembro nos distintos barrios e parroquias. Así, os magostos máis madrugadores comezarán mañá, día 7, en Lavadores, mentres que o sábado 8 de novembro terán lugar en Sárdoma, Alcabre, San Miguel de Oia e Valadares; o mesmo sábado, celebrarase un concerto do Ateneo Musical de Bembrive no auditorio do Centro Cívico de Teis, así como distintas representacións teatrais no marco do programa "Vigo a Escena". Xa o domingo haberá un magosto no Areal organizado pola A.V. "Fonte do Galo" coa actuación dunha agrupación de música tradicional e a novena edición do Certame de Humor no CVC de Valadares.

A semana grande de magostos será a do 10 ao 16 de novembro, que empezará o martes 11 cun magosto na Asociación Veciñal "Rosalía de Castro" da Salgueira e continuará con 16 magostos durante o venres e sábado, 14 e 15 de novembro en Freixeiro, O Val do Fragoso, Travesía de Vigo, Coia, O Freixo, Saiáns, San Roque, O Vilar, Beade, San Xoán Poulo, Sampaio, Candeán, Zamáns, Cabral, Castrelos, Parada – Maceiriña. O Magosto Popular e a Festa Veciñal da A.V. "Dr. Fleming", que terá lugar o 30 de novembro, porá fin á programación.

O vogal de Cultura da Federación Veciñal "Eduardo Chao", Xosé Couñago, sinalou que coa celebración dos Magostos de MoveVigo comeza un novo novo ciclo de festas anuais, que continuará coas festas do Nadal, o Entroido, as Letras Galegas e o San Xoán, o cal supón máis de 600 actos en todo o ano. "Dende o movemento veciñal temos un xeito rápido de achegarno á veciñanza , polo que toda a cidadanía terá preto da súa casa un magosto ao que poder achegarse", salientou. Ademais, na súa intervención agradeceu o apoio da Tenencia de Alcaldía e da Concellería de Cultura do Concello de Vigo para desenvolver actividades culturais e de lecer en toda a cidade.
Descargar todas as imaxes