Escoitar

O espazo anexo do Marco presenta unha exposición de Suso Fandiño

Do 24 de outubro ó 4 de xaneiro poderase visitar no espazo anexo do Marco unha proposta de Suso Fandiño que parte dun dos símbolos da cidade como é a fábrica que PSA Peugeot Citroën posúe en Vigo.

venres, 24 out 2008
1224853010julia.jpg
Na súa proposta para o Espazo Anexo do MARCO, Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971) traballa a partir do contexto próximo da cidade de Vigo, e dos elementos que os cidadáns identifican co seu ámbito. A fábrica que PSA Peugeot Citroën posúe en Vigo é, sen dúbida, un deses símbolos sen os cales non se entende a cidade. A partir de aquí, Fandiño desenvolve un proxecto baseado na marca Citroën e no modelo C4 Picasso. Un proxecto que se relaciona coa liña apropiacionista que caracteriza o seu traballo, á que el se refire como ‘revisionista’ ou ‘transfiguracionista’, neste caso baseándose na linguaxe e na imaxe dunha sinatura.

A planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, que este ano cumpre o seu 50º aniversario, non é só un lugar de produción, senón unha armazón de puntos nos que conflúen intereses de carácter social, político, económico, urbanístico, etc., con múltiples significados. A factoría de PSA Peugeot Citroën converteuse, dalgún modo, en imaxe do Vigo contemporáneo. En termos xerais, o proxecto de Fandiño implica unha reflexión sobre o contexto da obra, do espectador, do espazo do museo e da cidade de Vigo.

50 ANIVERSARIO do Centro de PSA Peugeot Citroën de Vigo
Froito dun acordo de colaboración co MARCO, a exposición de Suso Fandiño, como punto de encontro entre arte e industria, contribúe á conmemoración do 50º Aniversario do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, que se ven celebrando ao longo do presente ano.

ACTIVIDADES PARALELAS

O venres 21 de novembro, o salón de actos do MARCO acollerá a estrea do documental titulado ‘Recuerdos de un vigués de 50 años’, producido polo Centro Territorial de TVE en Galicia co gallo da conmemoración do 50º aniversario do Centro PSA Peugeot-Citroën de Vigo.

O documental fai un repaso da memoria audiovisual do último medio século de historia da cidade de Vigo, que arrinca coa inauguración en 1958 da Planta de PSA Peugeot Citroën. Este traballo, realizado polo Centro Territorial de TVE en Galicia, e que será difundido polo Canal Internacional de TVE, recupera boa parte dos depósitos do NODO e arquivos cinematográficos realizados en Vigo nas últimas cinco décadas, contrastándoos con imaxes actuais e entrevistas, co fin de reflectir o cambio cultural, político, urbanístico e humano da cidade.

Despois da estrea do día 21, o documental proxectarase en continuidade no mesmo espazo do salón de actos, en horario de apertura ao público, durante o sábado 22 e o domingo 23 de novembro.

Estrea do documental ‘Recuerdos de un vigués de 50 años’
 Venres 21 de novembro, ás 20.00
 Salón de actos

Proxección en continuidade
 Sábado 22 de novembro, de 11.00 a 21.00
 Domingo 23 de novembro, de 11.00 a 15.00
 Salón de actos

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
 Todos os días ás 18.00
 Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900/11
Descargar todas as imaxes