Escoitar

A Semana Grande das Festa de Vigo arrancará o vindeiro luns cunha gran celebración na Casa Galega da Cultura e na praza da Constitución<br />

Marta Larralde será a encargada de ler o pregón e presentará un espectáculo de danza vertical especialmente creado para esta ocasión<br />

venres, 1 ago 2008
1217595222pr.jpg
As Festas de Vigo celebrarán por primeira vez unha Semana Grande dentro da súa programación, unha cita que arrancará o vindeiro luns día 4 de agosto e que esta mañá foi presentada polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Cultural, Xesus López, o Director da Obra Social Caixanova, Luís Guede, e a actriz viguesa, Marta Larralde, que este ano será a encargada de ler o pregón.

O tenente de alcalde amosou a súa satisfacción porque a partires do luns "seremos capaces de visualizar que a nosa cidade está en festas". Neste sentido, Domínguez salientou que ata o de agora "faltaba configurar e centralizar os grandes eventos" dentro do calendario, e a partires de agora "Vigo se une ás cidades que queren ofertar unhas boas festas". Así, e como acontece co "chupinazo" de San Fermín por exemplo, o vindeiro luns Vigo dará o pistoletazo de saída á súa Semana Grande cunha festa que comezará as 21.30 horas na Casa Galega da Cultura e onde se darán cita unha ampla representación dos ámbitos empresariais, políticos, musicais, culturais ou deportivos da cidade e de Galicia en xeral. E como a ocasión o merece, Santi Domínguez salientou que á entrada do evento haberá un "photocall" polo que irán pasando todos os convidados, que unha hora máis tarde sairán á Praza da Constitución para ser testemuñas dun espectáculo moi visual e pouco habitual na cidade.



A compañía da actriz Marta Larralde, A Nena Veloz, ofrecerá un show de danza vertical especialmente creado para esta ocasión. Precipiatadas, voando vou voando Vigo, é o nome desta función coa que Marta Larralde e Carolina Touceda deleitarán aos asistentes cunha danza acrobática que rematará no balcón da Casa Galega das Artes, dende onde recitará o pregón. As verbas da actriz viguesa serán o punto de partida desta Semana Grande que comezará cunha tirada de bombas e o concerto de The Ellas, o grupo de outro gran actor galego: Luis Tosar. O tenente de alcalde, Santi Domínguez convidou a todas as viguesas e vigueses a que o luns "abarroten a Praza da Constitución" porque as festas "teñen sentido cando se conta co calor popular".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, salientou a importancia de que Vigo celebre as súas primeiras festas "participativas e identificativas da cidade". Xesus López lembrou que esta programación nace coa idea de crear "unha cidade en movemento" e na que todos os públicos "teñan a oportunidade de elixir". Así, a Semana Grande das festas de Vigo, contará cunha ampla cantidade de actividades, como os programas Vigourbán, Travesías, Vipop, Vigofolk, Linguas Vivas, os festivais Creamfields e Alternavigo, as actividades para nenos Castro Cativo, o maratón fotográfico ou a primeira edición da Mostra de Artesanía e Gastronomía do Casco Vello. O concelleiro agradeceu de novo o esforzo realizado por Caixanova para conseguir esta programación, e Luis Guede, Director da Obra Social desta entidade, salientou o "orgullo de poder colaborar" e trasladou as súas felicitacións por unha proposta "magnífica" e "desta categoría"

Finalmente, Marta Larralde amosouse emocionada por ser a elixida para ler o pregón. "Éncheme de orgullo e emoción esta oportunidade porque estou moi arraigada á cidade". Larralde salientou que dende a creación da súa propia compañía, A Nena Veloz, está será a súa primeira función de danza vertical. "Vigo é a cidade das oportunidades e isto será un agasallo para a xente", dixo a viguesa, xa que na cidade deuse a coñecer como actriz coa película Lena, e agora se estrea neste espectáculo tan visual.
Descargar todas as imaxes