Escoitar

Vigo celebrará a súa I Feira de Arte Internacional do 16 ao 20 de novembro

Máis de 50 galerías participarán na primeira edición da Feira de Arte Internacional Puro Arte Vigo 2006, que se desenvolverá no IFEVI do 16 ao 20 de novembro. A alcaldesa, Corina Porro, presentou hoxe martes este evento, que ten, entre outros obxectivos, o de proxectar a imaxe de Vigo como cidade de cultura.

martes, 10 out 2006
1160484973arte101006.jpg
Puro Arte nace co apoio do Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, Caixavigo e outras entidades públicas e privadas, coa intención de ser punto de encontro sen limitacións para vendedores e compradores de arte de todo o mundo, así como para os interesados en coñecer as últimas correntes da pintura e da escultura. As galerías que se dan cita nesta feira poderán presentar e promover os seus artistas no mercado español, con absoluta liberdade para elexir as súas obras.

Corina Porro salientou a grande importancia desta feira como acontecemento "artístico, social e económico". A organización espera que Puro Arte contribúa á promoción de artistas nacionais e estranxeiros, ao intercambio de experiencias creativas entre correntes artísticas de todo o mundo, e a unha relación máis estreita entre os artistas, dunha banda, e as empresas, institucións, museos e coleccionistas populares, da outra. Outro dos obxectivos de Puro Arte é achegar as últimas tendencias pictóricas e culturais aos vigueses e ás viguesas, sexan compradores de arte ou simplemente público ávido de "pórse ao día".

Por outra parte, o director de Puro Arte, Ignacio Scarpellini, acreditou a calidade da feira anunciando a presenza de obras de Miró, Picasso, Manolo Valdés, John de Andrea, Tàpies, Antón Lamazares e Roberto González. Estas e outras obras pertencen ás máis de 50 galerías participantes en Puro Arte Vigo 2006, e virán de países como España, Estados Unidos, Francia, Holanda, Israel, Alemaña, Italia, Mongolia, Xapón, Corea e Hong Kong, entre outros. Un equipo formado por membros da organización visitou feiras de arte en diferentes países do mundo para reunir todas estas galerías en Puro Arte Vigo 2006.

Para o director xeral de Caixanova, José Luis Pego, este traballo previo pode dar os seus froitos proxectando a imaxe de Vigo a nivel internacional nun mundo, o da arte, que hoxe en día permite realizar algúns dos "investimentos con maior taxa de rendibilidade". Segundo datos ofrecidos por José Luis Pego, a arte move máis de 26.000 millóns de euros cada ano en todo o mundo, e en España é a terceira opción á hora de investir, só por detrás da vivenda e dos activos financeiros.

Máis información en www.feriapuroarte.com.
Descargar todas as imaxes