Vigo recupera o luns o servizo de autobús por Pi y Margall coas liñas 12A e 5B
O remate das obras do Paseo de Granada permite restablecer o percorrido cara a Praza de América e reforzar a conexión entre o autobús urbano e os corredores mecánicos de Vigo Vertical.
O alcalde informou de que o vindeiro luns 28 de setembro volverá circular o autobús urbano por Pi y Margall, unha vez rematadas as obras do Paseo de Granada. O Concello recuperará o percorrido das liñas 12A e 5B por Pi y Margall e López Mora en dirección a Praza de América, restablecendo así o servizo nesta zona da cidade.
As dúas liñas, ao chegar á Praza do Bicentenario, continuarán por Camelias para baixar posteriormente por Romil e Falperra e incorporarse a Pi y Margall. Caballero explicou que se trata da alternativa máis adecuada para o tráfico e destacou que permitirá ofrecer “un bo servizo para o conxunto da cidade e un bo servizo para a rúa Pi y Margall”.
O rexedor salientou especialmente a importancia da parada do Bicentenario como punto de conexión co corredor mecánico que ascende desde Porta do Sol a través das escaleiras de II República e das novas ramplas do Paseo de Granada. Esta combinación, explicou, permite enlazar os medios mecánicos de Vigo Vertical coa rede de autobús urbano.
Modelo de mobilidade
Caballero enmarcou a recuperación destas liñas no modelo de mobilidade da cidade, baseado precisamente na combinación de ramplas, escaleiras mecánicas e ascensores co transporte público. O Concello investiu, segundo indicou, máis de 100 millóns de euros en mobilidade vertical, cunha rede de máis de 70 sistemas que en 2025 superaron os 10 millóns de desprazamentos.
O alcalde engadiu que o Concello destina máis de 19 millóns de euros a facilitar o uso do autobús urbano, coa gratuidade para pensionistas e menores de 15 anos, mentres que as persoas usuarias da PassVigo pagan 0,67 euros por viaxe. Caballero sinalou que o financiamento deste modelo procede do Concello e do Goberno de España e reclamou a participación económica da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra no transporte público.