Escoitar

Vigo recuperará máis espazo de praia e duna no Vao cun investimento de 5,18 millóns de euros

O alcalde explicou que a primeira actuación permitirá retranquear o paseo cara ao interior para recuperar máis superficie de duna e gañar espazo para a praia. A Xunta de Goberno acepta a concesión do dominio público marítimo-terrestre que permitirá ao Concello executar a primeira fase da rexeneración ambiental e humanización do areal.

venres, 18 set 2026

Abel Caballero explicou que é un paso que permite ao Concello dispoñer do ámbito necesario para avanzar na rexeneración e recuperación ambiental da praia. A actuación prevista conta cun investimento de 5.180.000 euros e o Concello xa dispón do proxecto construtivo da primeira fase.

“Imos ter máis praia e facer que onde agora hai outros usos poidamos recuperar espazo para gozar do areal”, explicou o rexedor. Así, esta primeira fase permitirá retranquear o paseo cara ao interior para recuperar máis superficie de duna e gañar espazo para a praia. 

O proxecto contempla tamén a substitución das actuais pasarelas de madeira, a creación dunha nova senda do paseo retranqueada cara á zona de terra e a continuidade do itinerario peonil. Ademais, renovaranse os accesos ao areal para garantir a accesibilidade e mellorar a conexión ao longo de todo o paseo.

“En suma, imos actuar humanizando toda a contorna da praia do Vao”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes