“Vigo+sostible” aborda a transición cara á mobilidade ecolóxica
O vindeiro xoves 25 de xuño a cidade acollerá a primeira xornada local dedicada á transición ecolóxica, organizada polo Concello, o Consorcio de Zona Franca e a Asociación Española do Automóbil Ecolóxico. Foi presentada esta mañá polo voceiro do goberno municipal, Carlos López Font.
Mobilidade sostible, multienerxía e certificado de aforro enerxético serán os eixos da xornada “Vigo+sostible” que se desenvolverá entre as 10 da mañá e as 13.30 horas da tarde no Consorcio da Zona Franca o vindeiro xoves, 25 de xuño.
Administracións, empresas e axentes do sector presentarán solucións de transición enerxética, innovación ambiental e mobilidade sostible. Ademais dos relatorios, que contarán coa participación de directivos das empresas líderes en mobilidade urbana, como Arriva, e en enerxía, como Repsol, a xornada inclúe unha exposición de vehículos coa presenza do primeiro coche cento por cento eléctrico que foi fabricado en Vigo.