Os Reis presiden os actos do Día das Forzas Armadas en Vigo
A Avenida de Samil acolleu este sábado o acto central do Día das Forzas Armadas 2026 cun gran desfile terrestre que presenciaron milleiros de persoas e que presidiron os reis Filipe VI e Letizia, acompañados da Princesa Leonor. O alcalde destaca o papel de Vigo como sede desta celebración.
Máis de 4.000 militares e 9 buques protagonizaron este sábado o gran desfile con motivo do Día das Forzas Armadas que acolle Vigo neste ano 2026 coa participación de efectivos da Garda Real, do Exército de Terra, da Armada, do Exército do Aire e do Espazo, da Guardia Civil e da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O acto, presidido polas súas Maxestades os Reis de España, acompañados pola Princesa de Asturias, contou coa presenza da Ministra de Defensa, Margarita Robles, e do Xefe do Estado Maior da Defensa, Teodoro Esteban López Calderón, así como do alcalde e de numerosas autoridades militares e civís.
A cerimonia comezou coa incorporación do Batallón de Honras da Garda Real fronte á Tribuna Real e a entrada da Insignia Nacional. Posteriormente, unha vez chegados os Reis, rendéronselles honras militares. Tras as novidades regulamentarias e a revista de S. M. o Rei ao Batallón de Honras, os Reis saudaron ás autoridades presentes.
As condicións meteorolóxicas impediron a celebración do desfile aéreo no que estaba prevista a participación de 70 aeronaves e tampouco puido realizarse o salto en paracaídas. No desfile terrestre pola avenida de Samil participaron 109 vehículos, 32 motocicletas, 130 cabalos e 6 cans así como Baraka, o borrego da Lexión.
Recepción no Concello
Ao remate do acto, os Reis Filipe VI e Letizia, así como a Princesa Leonor, foron recibidos oficialmente no Concello na súa primeira visita institucional. O Rei asinou no libro de honra do Consistorio e dedicou o brinde aos membros das Forzas Armadas “homes e mulleres ao servizo de España en tantos lugares do mundo e tamén ás súas familias” e agradeceu o recibimento á cidadanía viguesa e a tódalas persoas presentes no acto.
No seu discurso, o alcalde puxo en valor o papel das Forzas Armadas ao longo da historia de España e deulles aos Reis e á Princesa de Asturias “no nome de Vigo, a máis calorosa benvida. Grazas pola vosa presenza e polo voso compromiso co país e coas institucións do Estado, un exemplo de servizo” a España.