O Concello avanza na rexeneración integral do barrio do Rocío
O Goberno municipal dá un paso máis no desenvolvemento do proxecto de intervención artística coa adquisición por 82.000 euros dunha parcela na rúa de Abaixo, que será un espazo público libre.
A Xunta de Goberno Local aprobará mañá venres a adquisición do inmoble situado na rúa de Abaixo 42, no barrio do Rocío, por un importe de 82.000 euros.
Trátase dunha parcela baleira, de 661 metros cadrados cun edificio practicamente demolido, que se adecuará ao uso previsto no plan urbanístico de espazo libre público.
Tal e como explicou o alcalde, esta é unha das primeiras actuacións enmarcadas no proxecto de intervención artística para a rexeneración urbana integral do barrio do Rocío. A semana pasada o Goberno local xa contratou a redacción do proxecto para executar a intervención artística e urbana, que supoñerá un cambio radical nesta zona da cidade. O orzamento ten como límite máximo os 4.430.837 euros.
“Queremos que o barrio do Rocío teña a actividade e a atención que require, necesita e merece”, recalcou Caballero.