A Fortaleza do Castro acollerá unha nova representación teatral
Abel Caballero anunciou que o Patio de Armas será o escenario onde se interprete a obra “Vigo 1719: Unha loita esquecida”, que terá lugar este domingo 31 de maio ás 19:30 horas.
O alcalde deu a coñecer este mércores que a Fortaleza do Castro acollerá unha nova representación teatral baixo o nome “Vigo 1719: Unha loita esquecida”. Terá lugar o domingo 31 ás 19:30 horas no Patio de Armas, “que foi o sitio onde, conxuntamente cos túneles e o conxunto da fortaleza, se fixo a defensa contra o asedio inglés”.
A obra estará interpretada por 15 actores, dirixidos polo profesor Jimmy Núñez, e a asistencia “será completamente gratuíta ata completar aforo”, tal e como apuntou o rexedor que destacou a "posibilidade de trasladarnos ata o ano 1719 recreando aquel acontecemento militar que converteu a Vigo nun exemplo de resistencia numantina, que forxou o carácter desta cidade".
O 10 de outubro de 1719, uns 5.000 soldados ingleses desembarcan nos areais de Coruxo e Samil co obxectivo de tomar Vigo. Tras asaltar Bouzas, a vila capitula para evitar males maiores, pero 800 vigueses, entre milicianos e soldados deciden retirarse a Fortaleza de O Castro e resistir un duro asedio dos ingleses ata a chegada de reforzos. Para obligar a rendición da fortaleza e evitar o asalto por infantería, que vían inviable, o 13 de outubro os ingleses inician un incesante bombardeo durante días. Tras unha semana sen durmir, con escaseza de alimentos e sometidos a un duro bombardeo de máis de 3.000 proxectís, a guarnición capitula o 19 de outubro con honores militares, abandonando a fortaleza o día 21, coas súas bandeiras e estandartes desfilando camiño de Redondela. O 7 de novembro os ingleses abandonan Vigo.