Escoitar

O Salón Atlántico do Caravaning amosará todas as novidades do sector

Na presentación do evento, a organización destacou que concentrará a maior exposición comercial de autocaravanas, caravanas, campers, accesorios e turismo de cámping. "Profesionais do sector atenderán no IFEVI do 28 ao 31 de maio ás persoas interesadas neste modelo de turístico en crecemento, vinculado á natureza, á mobilidade e á actividade ao aire libre", apuntou a concelleira de Turismo, María Lago.

martes, 26 mai 2026

O Instituto Ferial de Vigo, Ifevi, acollerá do 28 ao 31 de maio de 2026 a primeira edición do Salón Atlántico do Caravaning, que converterá a cidade en punto de encontro para profesionais, empresas e afeccionados ao turismo sobre rodas.

O cita viguesa nace co obxectivo de converterse no maior escaparate dedicado ao sector do caravaning en todo o noroeste peninsular, reunindo nun único espazo produtos, servizos, institucións e experiencias arredor da autocaravana, a caravana, a camper e o turismo de cámping. A oferta comercial ocupará os 8.000 metros cadrados do pavillón 3 do recinto feiral e poñerá ao alcance de caravanistas consolidados e novos usuarios máis de 400 vehículos en rotación, con prezos e ofertas especiais.

O Salón Atlántico do Caravaning é, ademais, unha proposta transversal que combina a acción comercial dirixida ao usuario final coa proxección dunha comunidade que aposta por outra forma de viaxar e que se sustenta en criterios de calidade, convivencia, sostibilidade e responsabilidade. Este estilo de vida e este “viaxar diferente” impregnarán a área de pernocta gratuíta e exclusiva para caravanistas que a organización habilitou no IFEVI, para acoller os entusiastas que viaxarán ata Vigo desde todos os recunchos de España. Esta zona estará dotada de todos os servizos esenciais.

Desde a dirección do Salón, Carlos Landín destaca o carácter experiencial do evento: “queremos que este salón sexa moito máis ca unha feira comercial: aspiramos a crear unha experiencia completa onde o visitante descubra novas formas de viaxar e de conectar coa contorna”.

Na área comercial poderase acceder ás últimas novidades do sector, con vehículos máis eficientes e tecnoloxicamente avanzados, de todas as gamas: autocaravanas, caravanas, camper, urban vans e overland 4x4; vehículos novos, seminovos e de quilómetro cero; complementos, equipamento interior, remolques, produtos para acampadas, servizos afíns, asociacións, etc.

Horario da feira:
De xoves a sábado: de 11.00 a 20.00 horas.
Domingo: de 11.00 a 18.00 horas.

 

 

Descargar todas as imaxes