Escoitar

Declaración Institucional do Concello de condena á agresión de Israel á Global Sumud Flotilla

O Pleno do Concello aprobou este luns por unanimidade a declaración institucional condenando a agresión israelí á flotilla con destino Gaza.

luns, 25 mai 2026
A Corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero
A Corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

O Goberno de España está a demostrar o seu firme compromiso coa defensa do dereito internacional, coa condena do xenocidio que está a sufrir a poboación de Gaza e co rexeitamento das guerras ilegais que se producen a nivel global, incluída a guerra en Ucraína.

Este compromiso conta cun maioritario apoio da sociedade española, que se ten significado de maneira clara na defensa da democracia, da paz e dos instrumentos do dereito internacional como vías para a resolución dos conflitos.

Neste contexto, son numerosas as iniciativas cidadás orientadas á defensa dos dereitos humanos e á solidariedade co pobo palestino. Un exemplo disto é a Global Sumud Flotilla, que recentemente sufriu un ataque militar israelí en augas internacionais de libre navegación, situadas dentro da zona SAR de Chipre, cando se dirixía á franxa de Gaza con axuda humanitaria.

Estes feitos constitúen unha grave vulneración do dereito marítimo internacional, da liberdade de navegación en alta mar e da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar.

Por todo o anteriormente exposto, queremos condenar o asalto á Global Sumud Flotilla e expresar o apoio institucional a todas as persoas integrantes desta misión humanitaria, en especial, ás cidadás e cidadáns galegos que formaban parte da tripulación.

Do mesmo xeito, condenamos o maltrato e as humillacións sufridas polos activistas por parte das autoridades israelís, un trato xa denunciado polo Goberno de España como “inaceptable, inhumano e vergoñento”.

Así mesmo, recoñecemos o compromiso das persoas participantes coa paz, cos dereitos humanos e coa legalidade internacional, e instamos ás institucións galegas, estatais e europeas a adoptar, no marco das súas competencias, as medidas diplomáticas e institucionais necesarias para garantir a protección e a seguridade da tripulación da flotilla.

O Concello de Vigo reafirma, deste xeito, o seu compromiso coa paz, co dereito internacional, coa defensa dos dereitos humanos e coa condena de todos os conflitos armados e das accións contra a poboación civil, particularmente, do xenocidio de Israel contra o pobo palestino

Descargar todas as imaxes