A Corporación aproba inicialmente a ordenanza das ZBE que garante que ninguén teña que cambiar de coche
A nova norma, aprobada pola maioría da Corporación no Pleno desta mañá, facilitará o acceso, estacionamento e circulación dos vehículos nas catro zonas reguladas: o centro da cidade, a Praza de Portugal, Bouzas e O Calvario.
A ordenanza reguladora das zonas de baixas emisións inclúe un total de 20 excepcións. Quedan exentos de cumprir as normas os coches domiciliados en zonas ZBE e de alta no padrón do imposto, así como os adscritos a unha actividade económica; os destinados a transportar a persoas con mobilidade reducida; os adscritos a servizos públicos esenciais; os motores e ciclomotores de 7 a 22 horas; os coches históricos, así como os de administracións públicas que presten servizos básicos.
A estes súmanse os que prestan servizos industriais de empresas relacionadas coas subministracións, autobuses que dan servizos a institucións; os taxis; os coches de alugueiro, alén dos vehículos dos profesionais que entregan e recollen subministracións; os que acceden a talleres de reparación; os necesarios para realizar actos en vía pública aprobados polo Concello; os que acceden aos centros de saúde e de ensino; aos traballadores en horario de noite e aos que acceden a un aparcamento público ou privado.
O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, afirmou que a ordenanza contén unha “sólida estrutura xurídica” e que permitirá non ter que cambiar de coche a un importante colectivo de cidadáns e de profesionais.