A Casa das Artes acolle “O mar tamén é noso” de Alicia Framis ata o 9 de agosto
A partir das 18 horas deste xoves ábrese ao público a mostra da artista. Abel Caballero explicou que une historia, arte e tecnoloxía para reivindicar o papel das mulleres na cidade.
A mostra propón un percorrido interactivo que conecta as mulleres da historia de Vigo coa realidade contemporánea da cidade a través de obras de gran formato, novas tecnoloxías e participación cidadá.
O alcalde destacou que a exposición constitúe “unha homenaxe á sororidade e á memoria feminina”, construíndo un diálogo entre pasado e presente a partir da revisión do histórico Arquivo Pacheco. Framis traballou sobre imaxes de mulleres recollidas neste arquivo para relacionalas con rostros e historias do Vigo actual, xerando unha reflexión artística sobre identidade, memoria e transformación social.
A exposición incorpora tamén a colaboración de tres destacadas poetas galegas: Chus Pato, Yolanda Castaño e Silvia Penas, que achegan textos creados especificamente para a mostra.
A proposta complétase cunha banda sonora interpretada polo coro feminino Concepción Arenal da Fundación Coral Casablanca, reforzando o carácter multidisciplinar dunha exposición que combina fotografía, instalación, poesía e son.