Escoitar

Vigo reclama á Xunta financiamento para praias e investimento nos centros educativos

O Pleno aprobou esixir ao Goberno autonómico que financie, como mínimo, o 50% do servizo de socorrismo así como unha achega extraordinaria para reparar os danos provocados polos temporais. Tamén se aprobou instar á Xunta a reforzar e fortalecer o investimento no ensino público da cidade.

luns, 25 mai 2026

A moción sobre o financiamento das praias defendeuna a edil de Medioambiente, que cifrou en máis de 800.000 euros o investimento no servizo de socorrismo, seguridade e asistencia nos areais vigueses. Para Nuria Rodríguez a achega de 30.000 euros por parte da Xunta é “insuficiente e ridícula” para unha cidade como Vigo, “referente no turismo costeiro”.

Con todo, os grupos municipais do PSdeG e BNG apoiaron esixir á Xunta unha achega de 400.000 euros, como mínimo, para estes servizos. A moción socialista tamén reclama un financiamento para reparar os danos provocados polos temporais deste pasado inverno. Amais, instaron ao goberno galego a asumir de maneira real as súas competencias no litoral, priorizando a protección das praias, a seguridade e os servizos públicos fronte ás concesións privadas e aos intereses económicos. O Partido Popular votou en contra.

Educación

Na sesión plenaria deste luns tamén saíu adiante a moción do Grupo Socialista na que se insta á Xunta a reforzar e fortalecer o investimento no ensino público en Vigo. A edil Olga Alonso lamentou que non se teña aproveitado a diminución da natalidade para mellorar a calidade educativa e que a Xunta peche aulas en lugar de aproveitar para prestar unha atención máis personalizada, sobre todo co alumnado con necesidades educativas específicas.

Con todo, a moción insta a manter as unidades educativas existentes nos centros públicos de Vigo, reforzar os cadros de persoal docentes e os servizos de orientación, atención á diversidade e apoio educativo e apostar por unha educación pública inclusiva, coeducativa e de calidade. Tamén se reprobou ao conselleiro de Educación “polo desmantelamento do ensino público galego”. PSdeG e BNG votaron a favor; o Partido Popular en contra.

Descargar todas as imaxes