O Goberno local apoiará ao Celta Femxa Zorka na súa fase de ascenso
O alcalde avanzou que en caso de precisalo, o Concello apoiará ao club de basket feminino para que a fase de ascenso se celebre en Vigo. A Xunta de Goberno tamén concedeu unha achega de 6.000 euros á Fundación Carlos Casares.
Abel Caballero destacou que Vigo conta cun “gran club de baloncesto feminino” cunha importante base, e que o equipo sénior está en disposición de disputar a fase de ascenso á máxima categoría. Caballero subliñou que o obxectivo é claro: “queremos que o Celta feminino de baloncesto ascenda á máxima división”. Para iso, o Concello tamén asumirá unha parte importante dos custos da fase de ascenso e defenderá que esta se celebre en Vigo, co fin de “maximizar as posibilidades” do equipo no seu salto á elite.
O alcalde trasladou que a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de 128.000 euros para o club, que se suma ao apoio que se lle da aos 7 equipos de elite para a temporada 2025 – 2026.
Xunto ao impulso deportivo, o alcalde anunciou unha achega de 6.000 euros á Fundación Carlos Casares, entidade que traballa na difusión da obra e da figura de Carlos Casares, ao que definiu como “un gran escritor, gran xornalista e cronista”.
Caballero puxo en valor o labor da fundación na preservación da memoria cultural da cidade e destacou iniciativas como as VIII Xornadas de Videoxogo e Literatura, que se celebrarán no MARCO no mes de outubro e que ofrecen unha mirada transversal entre creación literaria e industria dixital.
Ademais, salientou o traballo de divulgación que a entidade desenvolve en centros educativos, asociacións e institucións públicas, contribuíndo a achegar a literatura galega á cidadanía.