A historia volve ás rúas cunha nova edición da Reconquista
O evento desenvolverase na cidade desde o 21 ao 29 de marzo. O alcalde animou aos visitantes a vir vestidos da época, xa que é “unha festa de participación aberta a todo o mundo”.
A Reconquista comezará o sábado 21 de marzo coa destitución da corporación francesa e rematará o domingo 29 de marzo coa representación histórica da expulsión dos franceses da vila de Vigo. Abel Caballero presentou esta nova edición da Reconquista acompañado polo presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, Pepe Fumega, o secretario da asociación Fiz Axeitos e os concelleiros de Festas Especiais, Medioambiente e de Atención á Cidadanía, Ángel Rivas, Nuria Rodríguez e Patricia Iglesias, respectivamente.
Durante os días de festa, a cidade poderá gozar de actuacións musicais, obradoiros, xogos e representacións históricas. Esta romaría urbana contará tamén con máis de 200 postos artesanais e de alimentación, que estarán abertos desde as 11:00 ata ás 23:30, así como a zona infantil na praza do Berbés. O luns 23 terá lugar a Roconquistiña onde, desde ás 10:00 e ata as 13:00 h, participarán 48 colexios de Vigo con máis de dous mil nenos e nenas. Abel Caballero destacou que a festa da Reconquista “ten una potencia local tan importante polos sentimentos, polas sensacións e por como a vivimos”.
A Asociación de Veciños do Casco Vello animou á cidadanía a participar vestindo con traxes da época e acudir a todas as actividades do programa. A asociación agradeceu ao Concello polo seu apoio financeiro e de infraestrutura, que este ano aumentou un 17% a subvención a favor da asociación veciñal.
O cartel deste ano foi deseñado por Cibrán Gonzalez e o da Reconquistiña foi elaborado por unha alumna do colexio Niño Jesús de Praga, Gabriela Pequeño, que foi seleccionada pola Asociación de Veciños do Casco Vello nun concurso.