O alcalde invita á mocidade a participar nas actividades e cursos gratuítos de "Vigosónico. Distrito Creativo"
Este mes de marzo “Vigosónico. Distrito Creativo” arrinca coa oferta de primavera con actividades lúdicas e formativas para a mocidade de entre 10 e 35 anos, tras o récord de asistencias de 2025 con 10.041 participacións. O alcalde convida “a todas as persoas que queren avanzar na música a que se acheguen a Vigosónico”.
Abel Caballero presentou este mércores o programa de actividades totalmente gratuítas que o Concello de Vigo pon ao dispor da mocidade interesados en recibir formación musical, en participar en obradoiros e xogos de mesa ou en realizar ensaios.
Todas as fins de semana, desde o sábado 14 de marzo ao 30 de abril, haberá obradoiros e cursos. Entre as actividades programadas destacan o festival “Combo Vigosónico”, con actuacións do alumnado que terán lugar o sábado 25 de abril, así como unha nova edición de “Demosónico”, o programa que abre o estudo de gravación aos artistas locais e que representa unha oportunidade única para que os artistas emerxentes dean un salto na calidade nas súas producións.
O alcalde explicou que está aberta a inscrición para as salas de ensaio do próximo semestre e para os obradoiros do Campus Vigosónico, a través da web de Xuventude do Concello de Vigo.
Éxito
O rexedor destacou o “éxito extraordinario “ de “Vigosónico”, xa que o ano pasado utilizaron as instalacións e os equipamentos un total de 1.205 usuarios únicos, que representa unha cifra récord.
Caballero destacou a crecente participación feminina, ao pasar do 7 por cento de hai tres anos ao 27 por cento do ano pasado. Entre os datos destacan o rexistro de 251 participantes nas clases de guitarra, baixo, batería e canto do programa Academia; 74 bandas con 270 músicos utilizaron as salas de ensaio; 174 asistentes a actividades de K-pop; 120 asistentes ao programa de xogos de mesa interxeracionais “Xoga”; 150 usuarios da sala polivalente e 45 participantes no laboratorio de creación musical.
Durante os dous primeiros meses de 2026 as instalacións rexistraron unha ocupación do cento por cento.