Escoitar

Caballero reclama á Xunta que non peche centros de saúde e consultas pola apertura do CIS Olimpia Valencia

Abel Caballero asegurou este xoves estar “encantado” coa apertura do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, construído no solar cedido polo Concello de Vigo en Coia, á vez que reclamou á Xunta que manteña abertos os dous centros de saúde que pecharán, así como continuar coa atención pediátrica nos catro ambulatorios afectados polos cambios. “Saudamos que se abra o centro, pero que potencien o resto e non peche ningún”, demandou.

xoves, 5 mar 2026

“Estamos encantados de que se faga en Coia o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, tanto que ata cedemos o chan, pero nin sequera convidáronnos á inauguración”, afirmou o alcalde ao apuntar que lle dá “exactamente igual” a decisión que expresa “a deslealdade da Xunta á que estamos afeitos”.

Caballero lembrou que, a pesar da apertura do novo centro de saúde Olimpia Valencia, a adminstración galega mantén “infradotada” á sanidade de Vigo, xa que pecharán os centros de saúde de López Mora e Nicolás Peña; trasladaranse consultas de primaria de Pintor Colmeiro, rúa Cuba, Coia e Beiramar; e cambiarán consultas pediátricas de López Mora, Nicolás Peña, Coia e Pintor Colmeiro. “Queremos que os dous centros que pechan permanezan abertos, coas dotacións de persoal sanitario que teñen neste momento e que todo o mundo siga nos centros de saúde nos que queren estar e que non obriguen a ninguén a saír dos seus centros”, reclamou.

O alcalde incidiu en que a decisión do Sergas de trasladar a 109 sanitarios desde distintos centros de saúde ao Olimpia Valencia consolidará a deficiente dotación sanitaria a Vigo, como denuncian os médicos en cada unha das xornadas de folga que se suceden desde hai meses para demandar máis medios e maior capacidade para atender aos pacientes.

As esperas de ata quince días para acceder a unha consulta en atención primaria “non se van a mellorar co Olimpia Valencia porque segue habendo o mesmo número de profesionais atendendo aos pacientes”, asegurou Caballero ao recalcar que tamén o Punto de Atención Continuada da rúa Pizarro está “superado porque é insuficiente” para atender a toda a poboación de Vigo.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes