Escoitar

Novo paso para a transformación da bancada de Tribuna

Abel Caballero informou esta mañá da realización do “estudo de inundabilidade da contorna de Tribuna” e o seu envío a Augas de Galicia.

mércores, 4 feb 2026

O Concello de Vigo continúa a súa marcha na transformación da bancada de Tribuna do Municipal de Balaídos para que o estadio alcance os 43.000 espectadores e acolla encontros da Copa do Mundo de 2030. Abel Caballero informou esta mañá da realización do “estudo de inundabilidade da contorna de Tribuna” e o seu envío a Augas de Galicia. Como explicou, trátase dunha "zona inundable" e os cambios dos colectores supoñerá que "imos desprazar cara a fóra para poder prolongar a grada” e “non afecta en absoluto á inundabilidade, polo tanto, imos ter de forma inmediata o visto bo de Augas de Galicia", polo que, dende ese momento, poderá comezar a obra.

Trátase dunha obra “dun custo significativo, que estará entre 3 e 5 millóns de euros”, relatou o alcalde, aclarando que “é parte da bancada de Tribuna, polo que ten que pagar un terzo a Deputación, un terzo a Xunta e un terzo nós”. Caballero afirmou que ambas institucións “non queren que Vigo sexa sede e non queren que Vigo teña a ampliación de Balaídos porque están pensando exclusivamente na Coruña e opóñense ferozmente”, expoñendo que “a súa estratexia era que non empezaramos a obra para que non nos dese tempo” pero “xa a empezamos”.

 

Descargar todas as imaxes