Caballero preside a primeira xuntanza da empresa municipal de vivenda EMVIGO
O obxectivo é promover e facilitar o acceso á vivenda na cidade, especialmente para a xente nova. A empresa contará cun capital inicial de 4,5 millóns de euros, destinados á promoción de vivenda con protección pública, tanto en réxime de alugueiro como de venda, e tamén á rehabilitación de inmobles.
O alcalde presidiu a primeira reunión da comisión de estudo da empresa pública municipal de vivenda, EMVIGO, creada co obxectivo de promover e facilitar o acceso á vivenda na cidade, especialmente para a mocidade.
Na xuntanza iniciouse a elaboración da memoria fundacional e do primeiro plan de funcionamento, cun horizonte de catro anos. Caballero destacou que EMVIGO “nace con vocación de permanencia, ata que o problema da vivenda desapareza da cidade”.
Caballero incidiu en que o obxectivo fundamental é ofrecer vivendas a prezos moi accesibles, especialmente para a mocidade viguesa, e lembrou que a situación actual é “inaceptable”.
“A vivenda é unha obriga e unha competencia da Xunta de Galicia, que recibe fondos do Goberno de España, pero a Xunta nunca utiliza eses recursos en Vigo. Por iso decidimos crear esta empresa pública, para actuar directamente e dar resposta ao problema”, subliñou.
“Os prezos da vivenda en Vigo son excesivamente altos. A Xunta, nos últimos 17 anos, está construíndo algo máis de 200 vivendas, mentres hai unha demanda superior ás 7.000. A este ritmo, tardarían centos de anos en dar resposta ás necesidades da cidade”.
O Concello buscará colaboración e apoio financeiro do Goberno de España e da Unión Europea, co fin de mobilizar todos os recursos posibles para construír vivenda a prezos asumibles para as persoas.