Escoitar

O goberno municipal dedica 1.430.000 euros a favorecer o emprego

Caballero cifrou en 256 as persoas beneficiadas das políticas de emprego local. 84 delas foron contratadas ou melloraron a súa situación laboral mentres que 172 traballadores e traballadoras formarán parte do cadro de persoal de entidades sen ánimo de lucro de Vigo. A Xunta de Goberno tamén aprobou subvencións a clubs que fomenten o deporte feminino.

venres, 26 set 2025

O alcalde deu conta das actuacións desenvolvidas polo Concello en materia de fomento do emprego, salientando a aposta decidida pola creación de novos postos de traballo e pola mellora das condicións laborais en empresas e entidades da cidade.

Nun primeiro bloque de actuacións, 84 traballadoras e traballadores incorporáronse ou melloraron a súa situación laboral en 70 empresas viguesas. O programa desenvolveuse en tres modalidades: 15 empresas contrataron 20 persoas; 13 compañías melloraron os contratos de 17 persoas traballadoras; e 42 entidades transformaron en indefinidos os contratos de 47 persoas.

“O Concello de Vigo está absolutamente dedicado á xeración de emprego e á mellora das condicións laborais”, subliñou Caballero, quen destacou que “estas 84 persoas ou ben atoparon un posto de traballo, ou viron mellorada a súa situación, ou lograron a estabilidade laboral a través dun contrato fixo”.

Ademais, o rexedor anunciou un novo investimento municipal de 1.212.000 euros para fomentar o emprego en entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá a contratación de 172 persoas. En concreto, 57 entidades recibirán apoio municipal para incorporar persoal: 12 asociacións veciñais; 25 entidades sociais; 9 entidades empresariais; 10 entidades deportivas; e a Mancomunidade de Montes.

Do total de postos de traballo apoiados, 90 correspóndense con novas contratacións ou melloras de contrato, mentres que 82 se destinan á estabilización de postos fixos xa existentes.

“O Concello de Vigo está a xerar emprego para 172 persoas a través da colaboración co tecido social, veciñal, deportivo e empresarial da cidade”, concluíu o alcalde.

Axudas ao deporte feminino

“Queremos potenciar ao máximo o deporte feminino”. O alcalde anunciou a aprobación das subvencións ás entidades deportivas nesta tempada cun importe de 45.000 euros para 73 clubs.

Descargar todas as imaxes